Ir o contido principal
STG

Desenvolven un algoritmo que facilita a integración de enerxías renovables na rede eléctrica e contribúe a evitar apagadas

Esta investigación, actualmente en proceso de patente, contribúe a mellorar a calidade do sistema eléctrico. FOTO: Pixabay
Esta investigación, actualmente en proceso de patente, contribúe a mellorar a calidade do sistema eléctrico. FOTO: Pixabay
Investigadores da USC e a UAL crean un novo método matemático que mellora a eficiencia eléctrica nas chamadas redes intelixentes e que podería xerar aforro nas tarifas
Santiago de Compostela

A apagada sufrida en España hai escasos meses demostrou que, no actual contexto de transición enerxética cara a fontes renovables, a xestión da rede é de máxima prioridade. Neste contexto, un dos problemas é o tratamento da chamada corrente reactiva, un tipo de corrente eléctrica que non realiza traballo útil, pero que circula continuamente entre os equipos e as redes de subministración. Este tipo de corrente é inevitable pero tamén, fonte de perdas, ademais de limitar a capacidade da rede e afectar á calidade do subministro. 

Coa intención de facer fronte a este desafío, investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Universidade de Almería (UAL) acaban de crear un algoritmo que resolve o problema das distorsións harmónicas causadas por cargas non lineais, como as dos sistemas —chamados invertedores — que transforman a corrente continua que xera, por exemplo, un panel solar fotovoltaico ou certos sistemas eólicos, en corrente alterna. Este é un proceso imprescindible para que esa enerxía sexa aproveitable. Os devanditos invertedores fotovoltaicos e eólicos introducen o mesmo tipo de distorsións que o algoritmo permite compensar de forma óptima. 

Os investigadores Xabier Prado e Jorge Mira, da área de Electromagnetismo da USC, pertencentes os dous ao Instituto de Materiais da institución compostelá (iMATUS), e Francisco Gil Montoya e Jorge Ventura, do departamento de Enxeñería da UAL, presentan os detalles deste novo algoritmo no artigo ‘Optimal reactive current compensation for smart grids using linear programming: A novel algorithm with theoretical and real-world data validation’, que acaba de publicarse na revista Sustainable Energy, Grids and Networks. O algoritmo foi validado con datos reais de instalacións industriais, demostrando a súa aplicabilidade práctica. 

Superando métodos tradicionais 

O problema abórdase desde unha perspectiva de programación lineal, unha técnica matemática sólida e que proporciona rapidez de cálculo, facéndoo computacionalmente eficiente. Así, chégase a un algoritmo novo que permite compensar de modo óptimo a corrente reactiva. A diferenza dos métodos tradicionais, explican, “o método proporciona valores de compensación fiables para diferentes escenarios de operación, nos cales a calidade da potencia e eficiencia de enerxía sexan cruciais”. De feito, calcula a cantidade óptima de corrente reactiva a compensar en cada punto da rede, garantindo unha solución globalmente óptima. Ademais, redúcese o tempo de cálculo, “un factor clave para aplicacións en redes eléctricas en tempo real, e pode integrarse en sistemas de control xa existentes en redes intelixentes”, sinalan. 

Esta investigación, actualmente en proceso de patente, contribúe a mellorar a calidade do sistema eléctrico, reduce os custos para distribuidores e operadores e facilita a integración de xeración distribuída, como a das enerxías renovables. Tal e como destacan desde o equipo investigador, “supón un paso cara a redes máis eficientes e preparadas para a integración masiva de xeración distribuída”. Ademais, este avance contribúe a reducir custos de operación da rede, “o que podería traducirse en aforros nas tarifas eléctricas”, conclúen. 

De esquerda a dereita e de arriba a abaixo, Jorge Mira, Xabier Prado, Francisco Gil Montoya e Jorge Ventura
De esquerda a dereita e de arriba a abaixo, Jorge Mira, Xabier Prado, Francisco Gil Montoya e Jorge Ventura
Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.02.2026.