Ir o contido principal
STG

Dezaseis programas de doutoramento da USC acadan a Mención de Excelencia que destaca a súa “solvencia científico-técnica”

Dezaseis programa de doutoramento da USC acaban de ser recoñecidos polo Ministerio de Educación coa Mención de Excelencia, denominación que quere recoñecer a “solvencia científico-técnica e capacidade formadora” destes programas. Deste xeito, a USC mantén a súa posición de liderado entre as universidades galegas en canto a número de mencións obtidas. Os programas que obtiveron esta Mención, segundo a convocatoria ministerial, integraranse nunha relación pública que pretende constituír un referente internacional. A validez desta recoñecemento de excelencia estenderase ao longo do presente curso e nos próximos de 2012-2013 e 2013-2014. Os títulos que acadaron o recoñecemento foron os de Acuicultura; Avances en bioloxía microbiana e parasitaria; Ciencia de Materiais; Ciencia e tecnoloxía química; Endrocrinoloxía; Enxeñaría para o desenvolvemento rural; Enxeñaría química e Ambiental, Estatística e investigación operativa; Estudos ingleses. Tendencias actuais e aplicacións; Física nuclear e de partículas; Historia contemporánea; Innovación en seguridade e tecnoloxía alimentarias; Investigación agraria e forestal; Investigación e desenvolvemento de medicamentos; Investigación en tecnoloxía da información; e Métodos matemáticos e simulación numérica en enxeñaría e ciencias aplicadas. Para acadar a citada Mención, os programa debían superar previamente unha avaliación da Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad (ANECA), requisito ao que logo se sumaba un segundo proceso de selección en concorrencia competitiva que atendía ás ramas de ensinanza e disciplinas específicas, así como á masa crítica de cada programa de doutoramento, de xeito específico ao número de teses defendidas en cada un deles nos últimos seis anos. Deste xeito, ademais dos que si alcanzaron a Mención de Excelencia, outros doce programas nos que a USC está implicado alcanzaron a avaliación positiva da Aneca. Estes son os de Ciencias da Visión (coordinado pola Universidade de Valladolid); Estudo e edición de textos literarios españois e latinoamericanos; Filoloxía románica; Fotónica e tecnoloxías do láser (Universidade de Vigo); Historia da Arte Medieval; Investigación en enxeñaría termodinámica de fluídos (Universidade de Valladolid); Lóxica e filosofía da ciencia; Matemáticas; Medio ambiente e recursos naturais; Neurociencia; Psicoloxía clínica e Psicobioloxía; Teoría da literatura e literatura comparada.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.10.2011.