Ir o contido principal
STG

Último día para matricularse no obradoiro ‘Mellora o teu discurso oral’

Todo o alumnado universitario debe falar regularmente en público de xeito formal, mais a nosa tradición educativa non nos fornece pautas para facelo con seguridade e tranquilidade. Para solucionar este baleiro o Servizo de Normalización Lingüística organiza o obradoiro ‘Mellora o teu discurso oral’, que hoxe pecha o prazo de matrícula. Quen se inscriba no curso –a desenvolver entre o 20 de abril e o 6 de maio en Filosofía– adquirirá habilidades sociais, como perder o medo a falar en público ou a dominar a linguaxe non-verbal, e competencias discursivas coas que aprender a artellar un discurso oral estruturado, adecuado, coherente e cohesionado, e a manexar os diversos tipos de argumentacións. Finalmente, de xeito transversal melloraranse as competencias lingüísticas orais en galego. Organizado por vez primeira a pedimento da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía con grande éxito de participación, as clases serán eminentemente prácticas, con moito traballo individual e en grupo, para analizar situacións comunicativas formais e profesionais, e para preparar supostos que se gravarán, visualizarán e comentarán. A USC emitiralles un diploma de asistencia e bo aproveitamento no cal figurará o número de horas correspondentes (25 horas) a aqueles alumnos e alumnas que superen a avaliación. O obradoiro, dirixido a toda a comunidade universitaria que posúa un nivel de Celga 4, ten recoñecido 1 ECTS por competencias transversais (lingua galega) para todas as titulacións de grao.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.04.2015.