Ir o contido principal
STG

O Día da Psicoloxía Académica conmemora o “extraordinario valor” do compromiso cos “valores e principios fundamentais”

De esquerda a dereita, Luis Fernando López Martínez, Mª José Sampedro Vizcaya, Antonio López Díaz e Rosa Álvarez Prada. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Luis Fernando López Martínez, Mª José Sampedro Vizcaya, Antonio López Díaz e Rosa Álvarez Prada. FOTO: Santi Alvite
O eloxio da traxectoria de Elisardo Becoña, a actividade da Unidade de Atención Psicolóxica e a recente creación do Instituto de Psicoloxía centraron o discurso da decana Mª José Sampedro Vizcaya
Santiago de Compostela

A conmemoración do Día da Psicoloxía Académica serviu, en palabras da decana Mª José Sampedro Vizcaya, para “celebrar o extraordinario valor” desta disciplina e “renovar o noso compromiso cos valores e principios fundamentais”. Nun acto institucional presidido polo reitor Antonio López Díaz e que se desenvolveu, no Salón de Actos do Centro, este xoves 22, a decana gabou no seu discurso a actividade da Unidade de Atención Psicolóxica, así como a recente creación do Instituto de Psicoloxía.

“Este servizo é un dos mellor valorados polos usuarios”, afirmou a profesora Sampedro Vizcaya en relación á Unidade creada en 2021 e que “contribúe a facernos a todas e todos máis conscientes de que a Universidade pode ser desafiante e que o apoio psicolóxico axeitado pode resultar fundamental para acadar o éxito académico e persoal dos nosos estudantes, priorizando así o benestar como un valor en si mesmo, contribuír a eliminar o estigma que hai detrás dos problemas de saúde mental, incrementar o sentido de pertenza, unha maior motivación e confianza, ou maiores niveis de compromiso e logros”. Segundo a decana, “todo isto redunda nunha mellor conciencia cultural, no desenvolvemento de pensamento crítico e maiores niveis de servizo á comunidade”.

No relativo ao Instituto de Psicoloxía, a decana salientou que a Facultade quere “seguir achegando coñecemento científico rigoroso para fundamentar o avance da nosa profesión e a adecuación das investigacións e intervencións que tanto necesita a nosa sociedade”. A profesora Sampedro aproveitou a súa intervención para recoñecer a figura de Elisardo Becoña, por ter sido nomeado recentemente membro da Academia de Psicología de España, “tras unha longa e produtiva traxectoria como docente e como investigador, que só podo definir como impecable”.

O acto de conmemoración do patrón da Facultade de Psicoloxía, o filósofo e médico Juan Huarte de San Juan, contou tamén coa intervención da decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Rosa Álvarez Prada, e tivo como conferenciante invitado ao psicólogo xeral sanitario, Luis Fernando López Martínez, quen abordou no seu relatorio o ámbito das condutas autolesivas e suicidas en contornas dixitais. A profesora Ana López Durán foi a encargada de presentalo.  

A sesión serviu tamén para recoñecer os estudantes que obtiveron premio extraordinario no curso 22-23. Trátase de Mónica Alonso Cividanes  e Alberto Bernárdez Veninga do grao en Psicoloxía, Aldara Varela Lodeiro do mestrado en Psicoloxía Xeral Sanitaria, Belinda López Cortés do mestrado en Psicoxerontoloxía e Carlos Dopico Casal do mestrado en Psicoloxía.  

O acto deste xoves actuou como colofón a toda unha semana na que a psicoloxía foi protagonista grazas ás xornadas 'Tempo da Psicoloxía', impulsadas conxuntamente entre a Facultade de Psicoloxía e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Na edición deste ano, abordouse a incidencia do suicidio dende distintos enfoques como a prevención, a intervención, o apoio comunitario e a atención na infancia e adolescencia.

Asistentes ao acto. FOTO: Santi Alvite
Asistentes ao acto. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.02.2024.