Ir o contido principal
STG

A divulgadora Deborah García Bello impartirá unha conferencia en Química sobre ‘Todo o que sempre quixeches saber pero nunca te atreviches a preguntar sobre a táboa periódica!’

Cartel da intervención do vindeiro sábado
Cartel da intervención do vindeiro sábado
É unha actividade promovida pola Sociedade Xuvenil Galega de Química co gallo dos actos conmemorativos do 150 aniversario da táboa periódica

Coincidindo co 150 aniversario da táboa periódica dos elementos, a Sociedade Xuvenil Galega de Química (SXGQ) organizará en colaboración coa Real Sociedade Española de Química (RSEQ) e coa Facultade de Química unha serie de actividade conmemorativas desta efeméride . A primeira cita será unha conferencia/coloquio baixo o título ‘Todo o que sempre quixeches saber pero nunca te atreviches a preguntar sobre a táboa periódica!’. O obxectivo é dar a coñecer a Táboa Periódica a un público non especializado, dun xeito que sexa dinámico e na que os asistentes interveñan activamente.

A conferencia será impartida o sábado 4 ás 17.00 horas no salón de actos Antonio Casares da Facultade de Química pola reputada divulgadora científica Deborah García Bello (http://dimetilsulfuro.es/), que conta cun importante número de seguidores a través das súas contas de Youtube (>23000 subscritores), Facebook (>4000 seguidores), Instagram (>18000 seguidores), Twitter (>17000 seguidores) e no seu Blog Dimetilsulfuro (>2000 visitas/día), así como experiencia na radio (programa Efervesciencia, Radio Galega) e na televisión a través da súa colaboración no programa de RTVE ‘ Órbita Laika’.

Coa celebración deste evento na Facultade de Química, dunha duración aproximada de 90 minutos, o equipo promotor pretende abrir as portas da Universidade á cidadanía e que a ciencia adquira unha papel destacado no día a día da sociedade.

SXGQ
A SXGQ é unha asociación rexistrada sen ánimo de lucro fundada no 2016 por investigadores e estudantes da USC e da Uvigo e que ten como obxectivos principais a divulgación da Química, salientar o papel da muller na ciencia e destacar a investigación que se realiza en Galicia. Entre as súas actividades destacan a participación en obradoiros científicos en colexios e institutos, xornadas de portas abertas en centros de investigación e facultades, feiras científicas e cursos de formación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.05.2019.