Docentes de Humanidades e Filosofía traballan nun proxecto de cooperación universitaria en Níxer e Senegal
Un grupo de docentes das facultades de Humanidades do Campus de Lugo e de Filosofía do Campus de Santiago participan activamente nun proxecto de promoción da igualdade da muller en países subsaharianos a través da Axencia Española de Cooperación Internacional e Desenvolvemento (AECID), que os levou a primeiros deste mes de decembro a Níxer, onde traballan cun equipo da facultade de Ciencias Humanas da Universidade de Niamei.
Nesta visita, enmarcada dentro da acción preliminar para o estudo de liñas de colaboración no ámbito universitario, e que pasa pola creación dun departamento de español nesta universidade africana, os docentes realizaron unha importante doazón de libros. Este material foi achegado en gran parte pola Biblioteca Intercentros de Lugo a través dunha petición da vicerreitora adxunta de Estudos de Grao e Posgrao, María Isabel González, algúns profesores da USC e o Centro de Linguas Modernas. A ORE da USC foi quen, por outra parte permitiu encaixar a vontade cooperante no eido científico a través da AECID.
O proxecto céntrase en Níxer e Senegal, países con necesidades de primeira orde, nos que existe tan só unha institución universitaria, na que ademais, as titulacións vinculadas ás letras se concentran nas facultades de Ciencias Humanas, que teñen amosado un grande interese en afianzar vías de cooperación. Ese interese quedara xa demostrado, tal e como explica a coordinadora deste proxecto e profesora de Filosofía na facultade de Humanidades de Lugo, María Jesús Vázquez Lobeiras, coa visita que catro membros do equipo subsahariano realizaran o pasado mes de xullo a Lugo.
Vázquez Lobeiras, impulsora desta iniciativa dende o primeiro momento, relata que a idea xurde do descubrimento que ela mesma fixo da universidade africana nun primeiro contacto levado a cabo en 2008 en Burkina Faso. Resalta, por outro lado, a alta internacionalización destas institucións en países de extrema pobreza, onde a Universidade é inaccesible para a gran maioría, ao tempo que as titulacións contan con validacións supranacionais na meirande parte dos casos.
Facer realidade esta acción preliminar a través de persoal vinculado ás áreas de Humanidades e Filosofía responde á temática que se atopou para buscar un xeito de colaborar que resultara de interese para a ECID, e que encaixou finalmente na cuestión do xénero e da promoción da igualdade da muller. A coordinadora do proxecto destaca a difícil situación da muller nestes países, onde ás veces “non goza nin dos dereitos humanos fundamentais”. O carácter interdisciplinar do equipo, integrado por membros da USC e das dúas universidades africanas confire, en opinión de Vázquez Lobeiras, un gran sentido a esta iniciativa baseada na cooperación científica. Os docentes manifestan que a Universidade é unha institución moi útil como instrumento de cooperación para a investigación e o desenvolvemento nos países subdesenvolvidos, e agardan, por outra banda, responder ás espectativas dos compañeiros de Níxer e Senegal.