Ir o contido principal
STG

Docentes presentan as novas actividades para Estimular o Talento Precoz en Matemáticas nunha xuntanza nacional na USC

As actividades teñen lugar entre o 8 e o 10 de abril e a inscrición é de balde, pero obrigatoria

Docentes de matemáticas de ensino universitario e non universitario reuniranse o vindeiro mes de abril en Santiago co obxectivo de analizar o impulso do talento nesta materia. Será durante a celebración do IV Seminario sobre Actividades para Estimular o Talento Precoz en Matemáticas e a VIII Reunión Nacional do Estalmat, que terá lugar os 8, 9 e 10 de abril na Facultade de Matemáticas de Santiago. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través da páxina web do proxecto Estalmat. A participación é de balde, pero obrigatoria, para unha mellor previsión de necesidades por parte da organización. O seminario será un foro de presentación de novas actividades por parte das distintas sedes do proxecto de estímulo matemático, acompañado dun debate sobre a validez das propostas para incentivar o talento precoz. As actividades que se expoñan será recollidas nunha publicación electrónica que estará a disposición dos usuarios na web de Estalmat. Proxecto En 1998, a Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais puxo en marcha o proxecto de Estímulo do Talento Matemático (Estalmat), co obxectivo de detectar, orientar e impulsar o mesmo entre os estudantes de 12 a 13 anos. Na actualidade, hai 9 comunidades, entre elas Galicia, nas que se desenvolve este programa. A actividade principal do Estalmat Galicia céntrase en seleccionar cada ano a 25 estudantes galegos de primeiro e segundo da ESO mediante unha proba, igual en toda España, á que veñen acudindo 200 rapaces . Os seleccionados teñen a oportunidade de asistir durante dous cursos académicos a actividades impartidas na Facultade de Matemáticas por un equipo de profesores de ensino universitario e secundaria.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.03.2011.