Ir o contido principal
STG

Dous simposios en Santiago e O Grove trouxeron a terras galegas importantes especialistas en Química Orgánica de Iberoamérica

Mesa redonda do simposio IBEQO-I: Jacobo Cruces, esquerda, Félix Freire, Elena Pazos, Beatriz Blanco, Verónica Prado, e Concepción González Bello
Mesa redonda do simposio IBEQO-I: Jacobo Cruces, esquerda, Félix Freire, Elena Pazos, Beatriz Blanco, Verónica Prado, e Concepción González Bello
Serviron para a divulgación dos avances máis recentes neste campo do coñecemento e de escenario para debater arredor das perspectivas profesionais futuras

Persoal investigador que está a comezar a súa carreira e importantes especialistas de Iberoamérica en Química Orgánica protagonizaron neste mes de setembro dous simposios que se converteron en plataforma para a divulgación dos avances máis recentes neste campo do coñecemento e de escenario para debater arredor das perspectivas profesionais futuras neste ámbito.

Santiago acolleu o I Simposio Iberoamericano sobre Química Orgánica para investigadores xoves, no que estudantes de posdoutoramento, doutoramento, mestrado e grao deron a coñecer as súas investigacións á vez que discutiron as súas futuras perspectivas profesionais. O encontro contou ademais con dúas charlas de investigadores senior, o profesor Félix Freire da USC Compostela e a profesora Elena Pazos da Universidade da Coruña, e finalizou cunha mesa redonda con profesionais de distintos sectores tanto da industria como do ámbito académico.

Mentres, o V Simposio Iberoamericano de Química Orgánica, cuxa presidenta é a profesora da USC Concepción González-Bello, desenvolveuse no concello pontevedrés do Grove e tivo como conferencias principais as de Amir H. Hoveyda (Boston College), Chris Vanderwal (Universidade de California en Irvine), Antonio M. Echevarren (Institut Català d'Investigació Quimica), Erick M. Carreira (ETH Zürich) e Martina Delbianco (Max Planck Institute).

Este simposio constituíuse nun foro de discusións científicas entre persoal investigador para promover o intercambio de ideas, coñecementos e capacidades para construír futuras colaboracións frutíferas entre España, Portugal e Iberoamérica. Asistiron case 120 investigadoras e investigadores procedentes de Iberoamérica e Europa. A organización correu a cargo da profesora Concepción González Bello e do doutor Emilio Lence Quintana, presidenta e secretario do comité organizador, e dos vogais doutora María Maneiro Rey, e os profesores Marta Lores Aguín e M. Eugenio Vázquez Sentís, da Universidade de Santiago de Compostela.
 

Inauguración do SIBEAQO-V: Julio Podestá, esquerda, a vicerreitora Pilar Bermejo Barbera, José Cacabelos Rico e Concepción González Bello
Inauguración do SIBEAQO-V: Julio Podestá, esquerda, a vicerreitora Pilar Bermejo Barbera, José Cacabelos Rico e Concepción González Bello
Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.09.2024.