Ir o contido principal
STG

Douscentos investigadores abordan a espectometría de masas na Facultade de Medicina

Cartel do encontro
Cartel do encontro
O First Iberian Meeting in Separation Sciences & Mass Spectrometry estenderase entre o 8 e o 11 de outubro

A Facultade de Medicina acolle dende este martes e ata o venres 11 de outubro o desenvolvemento do First Iberian Meeting in Separation Sciences & Mass Spectrometry. O acto inaugural terá lugar este martes a partir das 08.40 horas.

No encontro, no que se darán cita arredor de douscentos especialistas, tratarase de intercambiar coñecemento e tecnoloxía que permitan unha actualización multidisciplinar completa sobre os novos desenvolvementos nas metodoloxías e nas técnicas de separación e de análise; con énfase na utilización da espectrometría de masas, para a resolución de problemas analíticos complexos no eido medioambiental, no control da seguridade alimentaria, na diagnose e o tratamento de enfermidades, e nas novas ferramentas instrumentais.

O programa inclúe sete conferencias plenarias de recoñecidos científicos internacionais como Adrian Covaci, Rosario Pereiro, Jane Thomas-Oates, Valerie Gabelica, Cristina Barrocas, Miguel Herrero, e Frantisek Svec; ademais de achegas orais e pósters, nas que os investigadores máis novos terán un papel relevante. Ao longo do evento haberá unha exhibición destacada dos principais e máis recentes avances en instrumentación analítica.

O foro está organizado polo Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento de Solucións Analíticas (LIDSA), pertencente á agrupación multidisciplinar no campo das Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) e ao Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía da Facultade de Química da USC.

Este encontro integra a XIX Conference of the Spanish Society of Chromatography and Related Techniques, a IX Conference of the Spanish Society of Mass Spectrometry, e a VI Conference of the Mass Spectrometry Group of the Portuguese Society of Chemistry.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.12.2019.