Unha doutoranda da USC, mellor investigadora novel na XIV Conferencia Española de Biometría

A doutoranda do Departamento de Estatística e Investigación Operativa da Facultade de Matemáticas da USC María Oliveira Pérez recibiu o premio á mellor investigadora novel na XIV Conferencia Española de Biometría celebrada do 22 ao 24 de maio en Ciudad Real. No seu traballo ‘Study of crack distribution around cemented femoral components using nonparametric circular methods’ analiza o patrón de distribución das microfracturas producidas en próteses de cadeira cementadas, a partir de datos obtidos dun estudo in vitro realizado na Upstate Medical University de Nova York. A principal achega de Oliveira consiste no deseño e implementación dunha ferramenta exploratoria para a análise de datos circulares que permite a identificación de direccións preferentes de fractura. O estudo forma parte da tese doutoral que María Oliveira está a realizar baixo a dirección dos profesores Rosa M. Crujeiras e Alberto Rodríguez e que se centra no estudo de técnicas estatísticas nonparamétricas para a análise de datos circulares. A conferencia é un dos eventos bianuais organizados pola Sociedade Española de Biometría, delegación da International Biometric Society, cuxos obxectivos son impulsar e difundir o desenvolvemento e aplicación de métodos estatísticos e matemáticos en bioloxía, medicina, psicoloxía, farmacoloxía e agricultura, entre outras áreas.