A V edición do campus de verán XuvenCiencia bota a andar en Veterinaria
O auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC acollerá o luns 3 de xullo, a partir das 9.30 horas, o acto inaugural da quinta edición do campus de verán XuvenCiencia, un programa orientado a espertar vocacións científicas entre o alumnado preuniversitario que se prolongará ata o 7 de xullo na sede universitaria luguesa.
O vicerreitor de coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema; o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro, así como representantes da Deputación Provincial e do Concello de Lugo, participarán na inauguración, unha sesión de apertura na que tamén estará presente a coordinadora deste campamento científico, a profesora da USC na Facultade de Ciencias Mercedes Novo.
O V Campus de Verán XuvenCiencia abrirá o seu programa de actividades cunha charla divulgativa a cargo do físico Cibrán Santamarina, quen fixo o seu doutoramento no CERN, onde sigue a colaborar na actualidade, co título ‘Elemental, querido Schrödinger’. Santamarina traballa no departamento de Física de Partículas da USC.
A nova edición deste campus de verán, unha iniciativa orientada a estudantado preuniversitario de 4º de ESO e Bacharelato e que se desenvolve baixo o lema ‘Aprendendo desde a experiencia’, presenta un ameno programa de aprendizaxe e convivencia do que gozarán 135 mozos e mozas, a través do que se busca dar a coñecer os distintos itinerarios formativos que poden cursan nas seis facultades e escolas do Campus Terra, así como nos dous centros adscritos: Escola Universitaria de Relacións Laborais e Escola Universitaria de Enfermaría.
Do mesmo xeito que en edicións anteriores, o campus de verán Xuvenciencia Lugo 2017 presenta un módulo para veteranos, ao tempo que brinda servizo de aloxamento desde a noite do 2 de xullo ata o 8 de xullo para poder gozar das actividades programadas polos monitores da A.D.C. Lumieira Lugo.