Ir o contido principal
STG

Nova edición crítica de Tiempo de silencio a cargo do profesor Alfonso Rey

Detalle da portada
Detalle da portada
Trátase dunha actualización da publicada e reimpresa entre 2000 e 2010 na extinta colección Clásicos y Modernos
Santiago de Compostela

Enmarcada nas actividades do grupo de investigación da USC Francisco de Quevedo, o profesor emérito da USC Alfonso Rey vén de publicar unha edición crítica de Tiempo de silencio, de Luis Martín-Santos, tras sesenta anos de continuas reedicións. A publicación do volume contou con financiamento do Programa de consolidación de unidades de investigación competitivas do Sistema Universitario de Galicia do período 2023-2026.  

Con esta publicación, o clásico contemporáneo parece ter chegado ao final dun ciclo editorial que se iniciou en 1962. Como explica Rey, “naquel momento a censura política e varias neglixencias cometidas pola casa editora deron como resultado un texto incompleto e defectuoso, que apenas foi mellorado nas frecuentes edicións que apareceron durante o século XX”. En 2000, dentro da colección Clásicos y Modernos de Crítica, publicouse unha edición de natureza diferente, con carácter filolóxico, baseada no cotexo de testemuñas coñecidas, completada con notas explicativas das orixinais alusións culturais. Esgotouse á vez que se extinguiu a mencionada colección. En 2014 un investigador italiano, Andrea Bressadola, descubriu no Arquivo da Administración de Alcalá de Henares o orixinal do autor, unha copia mecanográfica moito máis cercana á vontade do autor. Unha década despois do achado, resulta perentorio non diferir máis un estudo como o que aquí se propón.

A presente edición toma como base ese manuscrito, ata aquí inédito. “É esencial para reconstruír a última vontade de Martín-Santos, pero esixe un escrutinio coidadoso porque é defectuoso, obra dun mecanógrafo inculto que cometeu diversos erros”. Por engadidura, o editor de 1962 manipulou o texto, xa que introduciu diversos cambios estilísticos e eliminou comentarios e alusións que foran respectadas polo primeiro censor, tal vez temendo novas dificultades cun organismo que puxo tantas trabas  á publicación da novela. Segundo todos os indicios, Martín-Santos estivo ausente durante a composición do libro e apenas chegou a revisar as galeradas, de modo que o impreso en 1962 non reflicte fielmente a súa vontade. Desgraciadamente, faleceu un ano antes da segunda edición (1965), polo que non tivo a oportunidade de emendar as diversas deficiencias.

O presente texto crítico actualiza o da edición de 2000, cuxa innovación queda reflectida en novas notas a pé de páxina e nun aparato de variantes acomodado ao manuscrito de Alcalá. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.02.2026.