Unha nova edición do Curso de Emprendemento Universitario mostrará 'O que te interesa saber antes de crear a túa empresa'
A incubadora de empresas da USC, Uninova, organiza a finais deste mes unha nova edición do Curso do Emprendemento Universitario que nesta ocasión leva por lema ‘O que te interesa saber antes de crear a túa empresa’. Trátase dunha acción formativa cofinanciada polo proxecto europeo Transtic da Iniciativa Comunitaria Interreg IIIA.
O obxectivo do curso é facilitar aos alumnos de calquera dos centros universitarios da USC, os criterios de análise precisos á hora de poñer en marcha unha nova iniciativa empresarial. O proceso de inscrición permanecerá aberto ata o 18 de marzo e, dado que se trata dun curso gratuíto, as inscricións realizaranse por rigoroso orde de inscrición ata completar o aforo.
Validable poruncrédito de libre configuración, o curso celebrarase a partir do luns 24 de marzo e ao longo de toda a semana na Aula Magna da Facultade de Química en horario de 16.00 a 21.00 horas, dirixido a alumnos de todas as titulacións.
Ao longo destas cinco sesións, analizarase a idea empresarial articulándoa nun plan de empresa que recolla os aspectos fundamentais, como a integración da empresa no seu entorno, a avaliación do plan director da empresa e a análise económico da empresa. Adicionalmente, analizaranse as axudas existentes para iniciativas empresariais procedentes do entorno universitario e contarase coa participación de empresas xurdidas da propia USC como casos de éxito.
Nas sesións deste curso, o persoal de Uniemprende, programa de fomento da cultura emprendedora da USC, exporalle aos asistentes as facilidades e actividades que están a desenvolver para a promoción do emprendemento universitario.
Para acadar máis información sobre esta iniciativa, as persoas interesadas poden contactar con Uninova no teléfono 981519600 ou no enderezo de correo electrónico monica [at] uninova.org (monica[at]uninova[dot]org), así como a través da web http://www.uninova.org/CursoEmprendementoUniversitario/