Ir o contido principal
STG

Nova edición do curso sobre LaTeX, para a elaboración de documentos académicos e presentacións

O curso ‘LaTeX: documentos académicos e presentacións’ permitirá ás persoas que se matriculen realizar prácticas para a elaboración de documentos de calidade tipográfica profesional, como artigos, libros ou traballos académicos, transcribindo textos de diferentes ramas de coñecemento conforme ás posibilidades de representación de símbolos nas distintas áreas de coñecemento. Esta nova edición do curso incluído na programación de verán da USC, incide ademais no manexo de gráficos para a composición de materiais diversos empregando unha ferramenta estable e multiplataforma que xera documentos con calidade tipográfica profesional e totalmente gratuíta, como é LaTeX. O programa desenvolverase articulado en oito bloques temáticos nos que se abordarán todas as cuestións relacionados coa elaboración de presentacións e documentos de traballo, a partir dunha introdución a LaTeX, as vantaxes que presenta con respecto a outras ferramentas, a instalacións de software necesario ou os elementos básicos para iniciar a súa utilización. As sesión celebraranse entre os días 3 e 7 de xuño na Aula Magna, no Salón de Graos e nas Aulas de Informática da Facultade de Matemáticas baixo a dirección de Rosana Rodríguez e cun límite máximo de 60 prazas. Ao remate do curso solicitarase a quen participe o envío electrónico dun dos documentos traballados durante as sesións presenciais. Para acadar máis información sobre o proceso de matrícula ou sobre o programa do curso, as persoas interesadas poden visitar a web http://www.usc.es/cultura/uveran13cursos.htm.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.05.2013.