Nova edición do curso de verán de Psicoloxía sobre como transmitir malas noticias
Dirixido por Domingo Esteban Gómez, Rafael López López e J.R González Juanatey, a Facultade de Psicoloxía acolle entre os días 18 e 22 de xullo unha nova edición do curso ‘Cómo transmitir malas noticias: aspectos psicolóxicos, clínicos e ético-xurídicos’. A través de diversas conferencias e charlas profundarase no impacto sobre a calidade de vida de determinadas enfermidades tanto dende un punto de vista médico como psicolóxico. A relación do persoal sanitario coa familia é tamén outros dos temas a tratar nesta xornada, que fará un repaso histórico-médico sobre algunhas doenzas e a maneira de enfrontarnos a elas e á morte. O curso deixa espazo tamén para analizar cuestións máis concretas como o testamento vital ou os plans do Goberno para regular a denominada morte digna coa Proposición de Lei da opción sobre coidados paliativos, que se discutirá nunha mesa redonda o día 22 e na que, entre outros, está prevista a participación da vicepresidenta 2ª do Congreso dos Deputados, Ana Pastor.