Ir o contido principal
STG

A editorial Springer publica en inglés un ensaio de USC Editora sobre a xénese da lóxica

Detalle da cuberta do libro
Detalle da cuberta do libro
Trátase da obra ‘The Genesis og Logic. Reflections on the Origins, Principles and Paths of Common-sense Reasoning’ de Enric Trillas, doutor ‘honoris causa’ pola USC en 2016
Santiago de Compostela

A obra La génesis de la lógica. Reflexiones ingenuas, publicada en 2021 na serie ‘Ensaio’ do selo USC Editora, acaba de ser traducida ao inglés grazas á edición realizada por Springer baixo o título The Genesis og Logic. Reflections on the Origins, Principles and Paths of Common-sense Reasoning. Esta é unha adaptación da obra orixinal ao inglés realizada polo editor Edy Portmann, e para a cal Edicións USC cedeu os dereitos mediante contrato en xullo de 2023. Os primeiros contactos entre Springer e Edicións USC establecéronse en decembro de 2022 por parte da editora asociada Barbara Bethke, quen manifestou “o seu maior interese” na edición inglesa da obra, que agora se ofrece en versión dixital (epup e .pdf) e impresa. A edición orixinal leva un limiar do catedrático de Lóxica da USC Alejandro Sobrino, que tamén foi incluído na tradución inglesa.

The Genesis of Logic, incluída por Springer na súa serie Fuzzy Management Methods, ofrece un novo punto de vista xenético-evolutivo para reconsiderar a lóxica, unha perspectiva panorámica que examina as leis fóra do esqueleto como leis locais, necesarias para a validez do razoamento especializado. O autor, Enric Trillas (Barcelona, 1940), que recibiu o doutoramento honoris causa pola USC en 2016 apadriñado polo catedrático Senén Barro, foi profesor das universidades politécnicas de Cataluña e Madrid, investigador emérito do Centro Europeo de Soft Computing e actualmente é profesor emérito da Universidade de Oviedo. Autor de preto de catrocentos artigos en revistas, actas de congresos e traballos colectivos e unha ducia de libros, Enric Trillas é considerado o introdutor da lóxica borrosa en España. Na editorial universitaria compostelá publicou tamén El desafío de la creatividad (2018).

Non é a primeira vez que, nun prazo recente, Springer publica traducións de libros editados pola USC. En 2015 editou Solving Hyperbolic Equations with Finite Volume Methods, versión inglesa do manual Introducción al método de volúmenes finitos, da actual decana da Facultade de Matemáticas Elena Vázquez Cendón.

Para o director de Edicións USC, Juan L. Blanco Valdés, “con independencia de que o selo USC Editora conte dende 2014 coa certificación ISO 9001:2015 de sistemas de xestión da calidade, baseado nun rigoroso proceso de avaliación por pares, a tradución a inglés de títulos da colección por parte dunha prestixiosa editora científica internacional ratifica o interese e oportunidade das liñas editoriais do selo e supón un importante estímulo para  a seu crecemento e consolidación”. Segundo o úlitmo ránking (2022) Scholarly Publishers Indicators (SPI), Springer é a cuarta editorial académica máis prestixiosa do mundo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.06.2024.