A educación non formal e informal, obxecto de debate na USC

A VII edición das Xornadas de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global (EDCG) céntrase na formación en temáticas transversais nos espazos da educación non formal e informal. Ata este venres 7 e en formato virtual, as sesións nutriranse de diversos obradoiros nos que se acometerán, entre outras cuestións, a construción dunha cidadanía global a través de actividades de ocio e tempo libre, a pedagoxía para a participación social, a xestión de proxectos no ámbito da cidadanía global, ou o activismo a través das redes socias.
As sesións están dirixidas ás futuras e aos futuros profesionais da educación das diferentes especialidades, profesorado en exercicio e persoal das entidades sociais; e xorden da colaboración entre o grupo de investigación Terceira Xeración da USC (TeXe), a Campaña Mundial pola Educación, Solidariedade Internacional de Galicia e Ecos do Sur. Dende hai sete cursos o grupo TeXe promove xunto a Solidariedade Internacional de Galicia unha formación anual que favoreza a inserción da EDCG na formación das futuras e dos futuros egresados da Facultade de Ciencias da Educación. Neste caso, a formación enmárcase no proxecto ‘A EDCG na formación dos profesionais da educación: construíndo o ámbito de educación’, financiado por Cooperación Galega.
Asemade, a iniciativa conflúe coa Campaña Mundial pola Educación (CME) que ten como obxectivo a reclamación do cumprimento íntegro dos compromisos internacionais firmados polos Estados para garantir o acceso a unha educación de calidade para todas as persoas do mundo. “Neste sentido, a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible no seu ODS 4 relacionado coa educación expón na súa Meta 7 a necesidade de construír unha cidadanía global comprometida co desenvolvemento sustentable, a defensa dos dereitos humanos, a igualdade de xénero, a promoción da cultura de paz e non violencia, a cidadanía mundial e a diversidade cultural”, subliña a integrante de TeXe Silvana Longueira Matos.
Dende a coalición galega da CME deféndese que esta cidadanía global debe buscar contribuír, “nestes momentos mais que nunca, a un mundo mellor, máis xusto e igualitario”, apuntan. Nesta construción, a formación inicial das educadoras e dos educadores do mañá resulta fundamental na procura dunha sociedade máis participativa, equitativa e solidaria.