EKT reunirá especialistas en formación do profesorado de cinco países europeos na súa conferencia final

O proxecto europeo competitivo ‘Educational Knowledge Transfer’ (EKT) enfronta a derradeira fase da súa execución co desenvolvemento da súa conferencia final que terá lugar o vindeiro 13 de abril na Facultade de Ciencias da Educación da USC. Este proxecto da acción estratéxica ‘alianza do coñecemento para a educación superior’, coordinado polo grupo de Tecnoloxía Educativa da USC (Tecnoeduc), conta coa participación dun total de once socios académicos e tecnolóxicos de seis países da Unión Europea.
O consorcio asumiu como reto o desenvolvemento dunha nova metodoloxía educativa co apoio dunha plataforma intelixente centrada na colaboración e a reflexión, “ferramentas esenciais para a formación inicial do profesorado no período de prácticas escolares”, explican. Este sistema tecnolóxico intelixente incorpora diferentes ferramentas de software libre nunha mesma contorna formativa, facéndoas interoperables para facilitar o seguimento efectivo por parte dos mentores académicos e escolares ao longo de todo o proceso de prácticas escolares dos futuros docentes. Isto repercute positivamente na colaboración e comunicación de todos os actores implicados no proceso.
A conferencia final deste proxecto EKT, titulada ‘Tecnoloxías intelixentes para a innovación na formación do profesorado’, reunirá especialistas e responsables de formación do profesorado de cinco países europeos, así como empresas tecnolóxicas do sector, nun foro no que se presentarán os resultados do proxecto, incluíndo produtos como o sistema tecnolóxico EKT Smart ou a metodoloxía educativa EKT. Ademais, no marco da conferencia, entregaranse diplomas a aquelas persoas que participaron na experimentación EKT. A participación no evento será tanto presencial, como virtual, e está aberta de balde a todas as persoas interesadas.