Ir o contido principal
STG

A empresa Igalia presenta na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago o Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Software Libre 2007

O premio conta coa colaboración das tres universidades galegas e a Consellaría de Innovación

A empresa galega de Software Libre Igalia presentará este xoves, día 26, na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago (ETSE) o seu Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Software Libre 2007, desenvolvido en colaboración coas tres universidades galegas e a Consellaría de Innovación. A sesión desenvolverase a partir das 12:00 horas no Salón de Actos deste centro compostelán.
O obxecto desta convocatoria é fomentar o achegamento e coñecemento dos universitarios galegos sobre o Software Libre (SwL) e promover o emprego de calidade baseado nas Tecnoloxías da Información e das Comunicacións.
Ao premio, dotado con 1.000 euros e a difusión do traballo, poderán concorrer os proxectos que se desenvolvan en calquera facultade ou escola universitaria galega ata o vindeiro mes de outubro de 2007 e que acaden unha cualificación mínima de 5,0. Os proxectos deben de estar dados de alta en mancomun.org, iniciativa galega polo Software Libre auspiciada pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
A sesión a celebrar na ETSE forma parte dun ciclo de presentacións que se desenvolve ao longo de todo o presente mes de abril polas facultades e escolas técnicas de Galicia que imparten estudos relacionados coa Informática.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.04.2007.