O encontro ECOS consolídase como espazo de reflexión e impulso do Instituto da Lingua Galega
O Instituto da Lingua Galega desenvolveu no Paraninfo da Universidade a primeira edición do encontro anual ECOS, baixo o lema ‘Coñecemento que resoa’, que se consolidou como espazo para compartir os resultados do Instituto da Lingua Galega. O evento xuntou a comunidade do instituto da USC para presentar os resultados de 2025, reflexionar sobre as estratexias de futuro e reforzar os vínculos entre os seus membros. Así o explicaba a súa directora, a profesora Elisa Fernández Rei: “pretendemos dar conta á sociedade do que facemos, pero tamén que todas e todos nos sintamos parte deste proxecto común que busca impulsar a investigación lingüística e cultural arredor do galego”.
Arredor de 80 persoas, máis dun centro de publicacións de carácter científico, 5 proxectos competitivos, 7 convenios e subvencións vixentes, 4 teses defendidas e 23 actualmente en elaboración, 25 actividades organizadas e 11 visitas de investigación son os números que reflicten o intenso traballo deste centro de investigación, referente na investigación, promoción e divulgación da lingua galega.
Destes resultados deu conta a secretaria do ILG, María Álvarez de la Granja, para quen modernidade, colaboración e compromiso son os valores “que retratan ben o presente do ILG e, espero tamén, o futuro”. Na súa intervención, puxo en valor dous proxectos da última convocatoria de Xeración do Coñecemento, porque “ilustran ben” as dúas grandes áreas que conforman a axenda científica do ILG como son Lingua e sociedade e Humanidades dixitais. Por unha banda, a segunda edición do proxecto Toponomásticon Hispániae coordinado por Ana Boullón e que agrupa 60 investigadoras e investigadores de distintas universidades españolas, e, por outra, Ideoloxías lingüísticas sobre o galego e (auto)construción da identidade, dirixido por Carme Silva e Xosé Luís Regueira, que dá continuidade a proxectos anteriores que analizan as ideoloxías lingüísticas como un dos factores que poden condicionar a dinámica de variación e cambio lingüístico.
Destacou así mesmo o papel do ILG como coordinador, coa colaboración do CiTIUS, de CLARIAH-GAL, o nodo galego de CLARIAH-ES; a publicación do Manual of Galician Linguistics, unha obra publicada na prestixiosa editorial Degruyter editada por Xulio Sousa e Ernesto González Seoane; un número especial da revista Languages, situada no primeiro cuartil en Scopus: New deVElopments in Galician Linguistics editado por Elisa Fernández Rei e Xosé Luís Regueira; os cursos de lingua e cultura galegas Galego sen fronteiras, que xa van pola súa 25 edición, ou as actividades que se realizan dirixidas ao ensino non universitario.
Na mesma xornada, os investigadores adscritos ao centro Xulio Sousa e Francisco Dubert presentaron os resultados de 2025 para dous proxectos do ILG especialmente significativos como son o Atlas lingüístico galego e o Proxecto Nós, e Reis Rodríguez, investigadora colaboradora do Instituto, falou do labor da Comisión de Xénero e Igualdade do ILG.
Ademais, tivo lugar unha mesa redonda centrada nas estratexias de futuro do Instituto no ámbito da transferencia, que moderou Xosé Luís Regueira e que contou coa participación de José Luis Villaverde Acuña, director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC; Pilar García Mouton, membro da Comisión Asesora Externa do ILG; María del Carmen López Pérez, responsable da área de I+D+i de Balidea; e Mónica Fernández Valencia, presidenta da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL).
O programa completouse coa proxección dun vídeo institucional e cunha intervención especial titulada ‘Que é o ILG para ti?’ pensada, como indicou a directora do ILG, para que un membro da comunidade comparta “unha visión persoal e desde dentro de que foi e que é o ILG nese territorio das emocións e das vivencias”. O convidado nesta ocasión a compartir o seu vínculo e vivencias co Instituto foi Francisco Fernández Rei, catedrático de Filoloxía Románica na Universidade de Santiago de Compostela e membro do Instituto dende 1974.