Ir o contido principal
STG

O encontro de emprendedoras Emega fomenta o tecido empresarial galego “inspirando a outras mulleres”

Foto de familia con todas as persoas participantes no acto. FOTO: Santi Alvite
Foto de familia con todas as persoas participantes no acto. FOTO: Santi Alvite
A xuntanza reúne beneficiarias do programa que emprenderon en diferentes sectores e que lideran “empresas que se están consolidando no tempo”, tal e como explicou a directora de Woman Emprende, Eva López Barrio
Santiago de Compostela

O programa de axudas Emega da Secretaría Xeral da Igualdade ten como finalidade promover o espírito emprendedor e a actividade empresarial das mulleres. A sexta edición do encontro que se desenvolve cada ano ao abeiro deste programa reúne este venres 22, na Escola Galega da Administración Pública, varias edicións de mulleres que emprenderon en moi diferentes sectores, “creando tecido empresarial galego, inspirando a outras mulleres e liderando empresas que se están consolidando no tempo”, tal e como explicou na súa intervención a directora de Woman Emprende, Eva López Barrio. Neste proceso de acompañamento e información colabora a Universidade de Santiago de Compostela, institución “cunha longa tradición de apoio ao emprendemento”, engadiu López Barrio.

No acto inaugural do encontro participaron o reitor da USC, Antonio López Díaz, e a secretaria xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, Sandra Vázquez Domínguez. O reitor salientou a función de transferencia que ten a Universidade: “facernos útiles, que o que se investiga sirva para facer mellor a sociedade”, dixo. Deste xeito, a institución universitaria súmase a Emega na súa vontade de “axudar ao tecido emprendedor, alén de loitar por unha igualdade efectiva de dereitos entre homes e mulleres”. Pola súa parte, Sandra Vázquez fixo balance deste programa entre os anos 2009 e 2023 para situalo como un “referente a nivel galego e internacional” no eido do emprendemento con perspectiva de xénero.

Programa

Logo do acto inaugural, desenvolveuse unha mesa redonda de referentes femininas no eido emprendedor integrada por Mercedes Peón Mosteiro, compositora, vocalista e instrumentista; Cristina Pato Lorenzo, música, escritora, educadora e produtora; Elena Ferro Lamela, directora Xeral de EFERRO; Noelia Rodríguez Álvarez, fundadora e directora de The Beta Factor; e Maria de la Fuente Freire, cofundadora e directora executiva de DIVERSA.

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, abordou a continuación 'Os Polos de Emprendemento de Galicia: unha oportunidade para as emprendedoras'. O encontro alberga tamén dinámicas presenciais de formación a cargo da doutora en Comunicación pola Universidade de Vigo, Mar Castro. A clausura corre a cargo da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, tras a cal se desenvolve unha visita aos postos de cada unha das emprendedoras para coñecer de primeira man as súas iniciativas empresariais. Xa en quenda de tarde, desenvólvense dinámicas presenciais de formación grupais.  

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.12.2023.