Ir o contido principal
STG

Un encontro en Filoloxía mostrará as investigacións internacionais realizadas ao abeiro da Cátedra José Ángel Valente

'Valente en Rodalquilar' de Ramón Pérez Carrió
'Valente en Rodalquilar' de Ramón Pérez Carrió
Na xornada trataranse investigacións epistolares, interculturais e interdisciplinarias

O próximo venres 25 de outubro terá lugar na Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética, situada no último andar da Biblioteca da Facultade de Filoloxía, un encontro sobre investigacións internacionais acometidas na propia Cátedra Valente, que se desenvolverá entre as 16 e as 20.30 h. da tarde. O encontro será presentado e conducido polo poeta e profesor Claudio Rodríguez Fer, director da Cátedra Valente, e constará de tres seccións, respectivamente, sobre investigacións epistolares, investigacións interculturais e investigacións interdisciplinarias.

Na primeira sección, sobre investigacións epistolares, intervirán a profesora Ruth Fernández Fernández, doutora pola USC cunha tese sobre sobre Aleixandre e Valente; a investigadora predoutoral Laura Paz Fentanes, máster pola USC cun TFM sobre Bousoño e Valente, e o profesor na Universidade Federal do Amazonas en Manaos (Brasil), Saturnino Valladares,  doutor pola USC cunha tese sobre o epistolario de Valente cos poetas españois da súa idade. As dúas primeiras falarán das relacións epistolares respectivamente mencionadas e o terceiro da relación entre Valente e o poeta e ensaísta José-Miguel Ullán.

Na segunda sección, sobre investigacións interculturais, intervirán a ensaísta e catedrática de Francés María Lopo, doutora en Literatura Francesa pola Universidade da Alta Bretaña, quen falará de Valente en París, e a investigadora e xestora cultural Cristina Fiaño, máster pola USC cun TFM sobre Valente e Gelman, quen falará de Valente en Cuba.

Xa na terceira sección sobre investigacións interdisciplinarias, intervirá a investigadora romanesa da USC Adina Ioana Vladu, doutora pola Universidade de Bucarest, quen dará a coñecer a súa exploración computacional da poesía de Valente, e a investigadora italiana, actualmente en estancia investigadora na Cátedra Valente, Maria Maffei, doutoranda na Universidade de Bérgamo, quen presentará a súa tese en curso sobre o poema en prosa de Valente dende unha perspectiva tradutolóxica.

Este encontro internacional súmase aos xa realizados na Cátedra Valente con poetas como o español Antonio Gamoneda e o francés Bernard Noël, ou con filósofos como José Luís Pardo. Neles participaron filólogos de Europa, como o británico Arthur Terry, a francesa Claudie Terrasson ou a italiana Cristina Marchisio; de África, como a marroquí Fatiha Benlabbah, e de América, como o estadounidense Jonathan Mayhew, todos eles estudosos de Valente, ademais de moitos outros investigadores galegos e españois.

A Cátedra Valente publicou numerosos libros con estas achegas internacionais, como os tres volumes do ensaio biográfico Valente vital, as obras colectivas Referentes europeos en la obra de Valente e Valente epistolar (Correspondencia de José Ángel Valente con sus amistades) ou as monografías individuais La idea del lenguaje en la poesía española, de Arthur Terry, e En el espacio de la mediación. José Ángel Valente y el discurso místico, de Fatiha Benlabbah.

Nesta ocasión entregarase ao público asistente o libro Aleixandre y Bousoño escriben a Valente, de Ruth Fernández Fernández e Laura Paz Fentanes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.10.2024.