O encontro ‘Peregrinando’ mostrará as oportunidades internacionais en investigación nas matemáticas e na física
O encontro ‘Peregrinando: traxectorias internacionais nas matemáticas e na física’ reunirá o 20 de decembro en Compostela oito especialistas das dúas disciplinas que ou ben están a realizar a súa carreira investigadora no estranxeiro ou que o fixeron nalgún momento, para dar a coñecer as perspectivas de desenvolvemento profesional que existen fóra. Organizado polo Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) e no que participa a USC e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), a xornada desenvolverase no Auditorio FEUGA, no Campus Sur, a partir das 10.00 horas.
A xornada está especialmente dirixida a estudantes de Matemáticas e /ou Física, que estean nas primeiras etapas da súa carreira investigadora ou ben contemplando esta opción. O rexistro, gratuíto, pode realizarse a través da páxina do evento ata o venres 13 de decembro. Ademais das charlas, a xornada pretende poñer en contacto a persoal máis novo con perfís máis avanzados da carreira científica, co obxectivo de fomentar conexións e colaboracións profesionais.
A benvida institucional correrá a cargo da vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo, a directora científica do CITMAga, Rosa Crujeiras, e o director do IGFAE, Carlos Salgado. A continuación, oito relatoras e relatores compartirán as súas experiencias e liñas de investigación, poñendo o acento en como a internacionalización influíu nas súas carreiras.
Falarán María Alonso, profesora axudante na USC; Riccardo Borsato, investigador Ramón y Cajal no IGFAE; Gonzalo Cao, profesor axudante no Instituto Courant da Universidade de Nova York; Patricia Guerra, estudante de doutoramento no Instituto de Tecnoloxía de Karlsruhe; David Peinador, data scientist en Faculty AI; Ana Peón, profesora na USC; Gabriel Rodríguez, estudante de doutoramento na Universidade Técnica de Dresde, e María Vieites, investigadora Ramón y Cajal no IGFAE.