Ir o contido principal
STG

O encontro de referencia internacional en xeración de linguaxe natural chega por vez primeira a España

O reitor Juan Viaño inaugurarao nun acto ás 9.00 horas na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE)

O reitor Juan Viaño presidirá este martes 5 a inauguración da décima edición do Congreso Internacional INLG (International Natural Language Generation), considerado o primeiro congreso mundial neste área e que por vez primeira se celebrará en España. No encontro danse cita representacións de xigantes tecnolóxicos como Microsoft, eBay ou IBM, ademais de cen inscricións de 20 países de catro continentes cun alto porcentaxe de participantes procedentes do sector empresarial. A xeración de linguaxe natural é unha técnica de intelixencia artificial de máxima actualidade máis coñecida polas súas siglas en inglés (NLG).

Na xornada inaugural, prevista para as 9.00 horas no Salón de Actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago (ETSE), intervirán ademais Ángel Morales, da Association of Computational Linguistics e do Special Interesy Group on Natural Language Generation (SIGGEN); Ehud Reiter, do comité organizador; e o director do CiTIUS, Paulo Félix Lamas, entre outros.

A organización deste evento, que tamén inclúe o principal encontro europeo do sector, corre a cargo do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC (CiTIUS), poñendo o broche a un verán cunha abundante actividade de encontros científicos de primeira magnitude entre os que se atopan dúas escolas de verán en intelixencia artificial e o congreso internacional Euro-Par 2017, este último un referente europeo en computación paralela e distribuída.

Dos informes de actividade aos robots xornalistas
As técnicas empregadas no ámbito da NLG confirman a capacidade das máquinas para desenvolver de xeito “non supervisado” distintas tarefas tradicionalmente reservadas ao ser humano. A modo de exemplo, os promotores do encontro explican que a xeración de textos gramaticalmente correctos a partir de datos numérico-simbólico “é xa unha realidade en moitos casos inapreciables para o lector” . Neste senso engaden que ámbitos de alto impacto social, como a meteoroloxía ou a xeración automática de noticias en prensa a partir de datos e cifras, contan xa con tecnoloxía en pleno funcionamento para a optimización dos recursos.

Tendo en conta que un dos principais retos que se presentan na actualidade a nivel científico é a xestión da gran cantidade de datos xerados diariamente, INLG2017 servirá de punto de encontro para presentar os últimos avances nunha área especialmente atractiva para as empresas, por tratarse dun mercado emerxente que move millóns de euros a nivel mundial.

Entre os asistentes destacados atópanse o profesor Ehud Reiter, catedrático de Linguística Computacional na Universidad de Aberdeen (Escocia) e pioneiro en NLG. Reiter é tamén fundador dunha das principais empresas neste eido, a compañía ARRIA NLG , un dos patrocinadores da presente edición xunto a Accenture e Phrasee .

Ademais, o congreso contará tamén coa presencia de dous relatores invitados: Frank Schilder, de Thomson Reuters; e Gemma Boleda (Universidad Pompeu Fabra), una investigadora do programa Ramón y Cajal que atesora xa un prometedor currículo (más de 900 citas acumuladas polos seus traballos científicos), e á que o Consello Europeo de Investigación acaba de conceder unha das prestixiosas axudas ERC Starting Grant.

Entre o resto dos asistentes cabe destacar á investigadora Claire Gardent, do CNRS (Centro Nacional en Francia para a Investigación Científica, polas súas siglas en francés) e ao investigador posdoctoral do CiTIUS Alejandro Ramos, recoñecido polo seu traballo GALiWeather con distintos premios a nivel nacional e internacional, entre os que destaca o Premio de investigación 2017 da Fundación BBVA

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.09.2017.