Ir o contido principal
STG

Os encontros TEDx chegan á Universidade galega á procura de ideas que merece a pena compartir

O reitor Juan Casares presentará o relatorio 'A solución pasa pola Universidade'

Por vez primeira dentro do ámbito universitario, a Facultade de Psicoloxía acollerá este venres 11 un encontro TEDx, programa de conferencias locais e organizadas de forma independente que permiten gozar dunha experiencia similar ás conferencias do proxecto TED. Baixo a filosofía ‘Ideas que paga a pena compartir’ , o proxecto organiza este tipo de foros dende hai 25 anos. Esta é unha iniciativa que organizan a Cátedra Bancaja para Mocidade Emprendedora en colaboración coa Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua. Logo da presentación xeral do TDxGalicia@USC, o reitor Juan Casares será o primeiro en intervir co relatorio ‘A solución pasa pola Universidade’, a partir das 10.45 horas. Xunto ao reitor participarán as profesoras Elena Vázquez e Josefina Ling, así como Jorge Cubela, o alcalde máis novo de España e estudante de Dereito; ou José Luís Abadín, piloto do FIA Formula Two Championship e estudante de Administración e Dirección de Empresas, así como estudantes e investigadores de diversas áreas que ofrecerán as súas experiencias nos seus respectivos ámbitos de traballo. O encontro deste venres representa a segunda edición do encontro TEDxGalicia nesta ocasión coa vontade de achegar a Universidade á realidade social e da empresa a través dun espazo no que compartir coñecemento interdisciplinar. Os principais destinatarios deste foro son o estudantado e demais membros da comunidade universitaria aos que se lle ofrece este novo entorno que aposta polas ideas e o coñecemento transmitido dun xeito diferente, entretido pero sen perder o seu rigor, sinalan os seus promotores. O relatores dun encontro TED comparten a súa experiencia, visión do mundo e ideas que poden iniciar un cambio dende o momento que son compartidas. Así, en TEDxGalicia@USC combinarase o visionado de vídeos coas distintas intervencións dos participantes entre os que se atoparán estudantes, investigadores/as e docentes da USC. A finalidade será a presentación de ideas novas nun contorno que propicie a comunicación, para o que se deseñou un formato de charlas curtas, de ata 15 minutos como máximo, cada unha delas precedida por unha breve presentación e a inclusión de material audiovisual.

Máis información en: http://usc.tedxgalicia.com/

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.11.2011.