Ir o contido principal
STG

‘Na encrucillada’ organiza en Lugo unha mesa redonda sobre o papel dos medios de comunicación no contexto da crise

Este debate pecha o ciclo de actividades organizadas inicialmente pola plataforma, cuxos responsables non descartan organizar novos encontros para o mes de maio

A iniciativa ‘Na Encrucillada. Universidade en debate’, unha plataforma creada por diferentes colectivos de profesores, alumnos, investigadores e persoal de servizos da USC no Campus de Lugo para analizar e debater a actual situación económica nas súas distintas vertentes, organiza para o xoves 19 unha mesa redonda sobre o papel dos medios de comunicación na actual situación de crise económica. No debate, que se celebrará no Salón de Actos da Facultade de Humanidades a partir das 12.00 horas, intervirán o profesor e director de Comunicación da USC, Lois Celeiro; a redactora de La Voz de Galicia na delegación de Lugo, Dolores Cela; a presidenta da Asociación da Prensa de Lugo e redactora de El Progreso, Sabela Corbelle; a xornalista e historiadora Isabel Gómez Rivas; e o director do xornal dixital Praza Pública, Marcos Pérez Pena. A mesa redonda estará moderada pola escritora e profesora da USC Carmen Blanco. Aínda que esta é a última acción programada inicialmente no marco da plataforma ‘Na encrucillada’, os seus responsables non desbotan a posibilidade de organizar novos encontros de cara ao mes de maio. Toda a información relativa a esta iniciativa pode consultarse no blog http://naencrucillada.blogspot.com.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.04.2012.