Ir o contido principal
STG

Enfermaría amplía a formación dos seus titulados cun curso de especialización en urxencias, emerxencias e catástrofes

A inscrición neste programa de posgrao, que se estrutura en 250 horas lectivas e que comeza o luns na escola de Enfermaría do campus de Lugo, aínda está aberta

A Escola Universitaria de Enfermaría do campus de Lugo busca ampliar a formación e a cualificación profesional dos titulado en enfermaría a través dunha nova edición do curso de especialización de Enfermaría de Urxencias, Emerxencias e Catástrofes, un programa de posgrao que comezará a impartirse o vindeiro luns, día 2 de decembro, no centro universitario lugués.

Os obxectivos deste programa de posgrao, centrado na formación especializada de enfermaría de urxencias, emerxencias e catástrofes, atinxen a mellorar a calidade na asistencia integral do/a paciente nos servizos de urxencias, potenciando o traballo en equipo e incorporando elementos de humanización da enfermaría. Para acadar as pretensións deste posgrao, os distintos relatores que guiarán as sesións de formación teórica e as clases prácticas procurarán garantir que os participantes adquiran os coñecementos e habilidades necesarias para recoñecer as distintas situacións clínicas, dándolles prioridade segundo o seu nivel de gravidade. O prazo de inscrición neste curso de especialización de enfermaría en urxencias, emerxencias e catástrofes, no que xa formalizaron a súa matrícula 14 diplomados en graduados en Enfermaría, permanecerá aberto durante as primeiras semanas de decembro. As distintas sesións lectivas programadas desenvolveranse en quenda de tarde, de luns a venres, en horario de 17.00 a 20.00 horas. O vicerreitor do campus de Lugo, Pedro García Herradón; o xerente da área de xestión integrada de Lugo, Cervo e Monforte, Antonio García Quintáns, e a directora da escola universitaria de Enfermaría do campus de Lugo, María Asunción Núñez Magdalena, inaugurarán o luns, a partir das 16.15 horas, na escola universitaria de Enfermaría, este curso de especialización, estruturado en 150 horas de formación teórica e outras 100 horas de formación práctica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.11.2013.