Ir o contido principal
STG

Enfermaría amplía a formación dos seus titulados cun curso de especialización en urxencias, emerxencias e catástrofes

Núñez Magdalena, García Herradón e Dono Díaz, na apertura do curso de especialización en Enfermaría
Núñez Magdalena, García Herradón e Dono Díaz, na apertura do curso de especialización en Enfermaría
Un total de 14 persoas participan neste programa de posgrao, estruturado en 250 horas de formación teórica e práctica, e para o que aínda segue aberta a matrícula

A Escola Universitaria de Enfermaría do campus de Lugo busca ampliar a formación e a cualificación profesional dos titulados en enfermaría a través dunha nova edición do curso de especialización de Enfermaría de Urxencias, Emerxencias e Catástrofes, un programa de posgrao que inaugurado este luns na escola universitaria do campus de Lugo.

Os obxectivos deste programa de posgrao, centrado na formación especializada de enfermaría de urxencias, emerxencias e catástrofes, atinxen a mellorar a calidade na asistencia integral do/a enfermo/a nos servizos de urxencias, potenciando o traballo en equipo e incorporando elementos de humanización da enfermaría. Para acadar as pretensións deste posgrao, os distintos relatores que guiarán as sesións de formación teórica e as clases prácticas procurarán garantir que os participantes adquiran os coñecementos e habilidades necesarias para recoñecer as distintas situacións clínicas, dándolles prioridade segundo o seu nivel de gravidade. O prazo de inscrición neste curso de especialización de enfermaría en urxencias, emerxencias e catástrofes, no que xa formalizaron a súa matrícula 14 diplomados en graduados en Enfermaría, permanecerá aberto durante as primeiras semanas de decembro. As distintas sesións lectivas programadas desenvolveranse en quenda de tarde, de luns a venres, en horario de 17.00 a 20.00 horas. O vicerreitor do campus de Lugo, Pedro García Herradón; a subdirectora de Procesos de Enfermaría da área de xestión integrada Lugo, Cervo Monforte, Ángeles Dono Díaz, e a directora da escola universitaria de Enfermaría do campus de Lugo, María Asunción Núñez Magdalena, foron os encargados de inaugurar este posgrao de especialización en Enfermaría, un programa estruturado en 150 horas de formación teórica e outras 100 horas de formación práctica. Persoas matriculadas no posgrao en Enfermaría de Urxencias, Emerxencias e Catástrofes, na escola de Enfermaría

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.12.2013.