Ir o contido principal
STG

A ensaísta arxentina Beatriz Sarlo, na USC

Beatriz Sarlo. Axencia Brasil
Beatriz Sarlo. Axencia Brasil
Falará da investigación en humanidades no Centro de Estudos Avanzados

A ensaísta arxentina Beatriz Sarlo será o venres 8 a protagonista dunha nova sesión do Foro CEA ‘ Memoria, identidade e cultura. O desafío das humanidades’ na que impartirá a charla ‘ Memoria histórica. Para que serve a literatura. Para que serven os monumentos’. Sarlo atópase ademais estes días na Facultade de Filoloxía da USC, onde imparte un seminario titulado 'Viaxes e viaxeiros. Tradución, traslación e malentendido'.

A escritora Beatriz Sarlo (1942, Bos Aires) estudou Literatura na Universidade de Bos Aires, na que foi ademais profesora. Ditou cursos nas Universidades de Columbia, Berkeley, Maryland, Harvard e Minnesotta (EE.UU.), e en Cambridge (Inglaterra).

Os seus ensaios versan sobre a historia intelectual, a cultura urbana e popular, a historia literaria e a crítica, e entre os seus libros destacan El imperio de los sentimientos; Una modernidad periférica; La imaginación técnica; Escenas de la vida posmoderna. Intelectuales, arte y videocultura; Borges, un escritor en las orillas; Ensayos argentinos: De Sarmiento a la vanguardia; La Máquina cultural: maestras, traductores y vanguardias; Siete ensayos sobre Walter Benjamin; La batalla de las ideas; La pasión y la excepción; Escritos sobre literatura argentina; La ciudad vista. Mercancías y cultura urbana; y Ficciones argentinas.

Sarlo dirixiu a revista Punto de Vista e entre os numerosos premios que acadou figuran a Orde do Mérito Cultural (Brasil), o Konex de Platino, a Pluma de Honra da Academia Nacional de Xornalismo de Arxentina e o Premio Internacional Pedro Henríquez Ureña’ 2015 outorgado polo Goberno da República Dominicana.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.04.2016.