Entrega de diplomas da quinta promoción de ESTALMAT-Galicia

A quinta promoción do Proxecto ESTALMAT-Galicia para ESTímulo do TALento MATemático celebra este sábado 4 de maio o seu acto de despedida nunha sesión que se vai celebrar na Aula Magna da Facultade de Matemáticas a partir das 12.30 horas. A sesión presidiraa o vicerreitor de Titulacións e PDI, Jesús López Romalde, e contará coa presenza do subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado, Manuel Vila López; a vicedecana da Facultade de Matemáticas, Maria Elena Vázquez Abal; o presidente do Proxecto ESTALMAT-Galicia, o catedrático Juan Viaño Rey; e de representantes da Real Academia de Ciencias Exactas Físicas y Naturales e dos patrocinadores fundamentais do Proxecto, Fundación Vodafone-España e Deputación da Coruña, así como de membros do equipo docente. Ademais das autoridades presentes, nesta sesión intervirán ademais unha representación do alumnado e dos seus pais e nais que farán unha semblanza dos dous anos pasados en ESTALMAT-Galicia. O acto rematará coa entrega de diplomas e imposición de becas. Previamente, a partir das 10.30 horas, o estudantado realizará como última actividade do curso unha visita ao supercomputador ‘ Finisterrae’ do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), guiada polo seu director, Javier García Tobío, e asistido polos membros do seu equipo Pablo Rey e Fernando Bouzas. Os 25 estudantes que agora rematan constitúen a quinta promoción de ESTALMAT-Galicia, seleccionados en 2011 dun total de 255 rapaces e rapazas de 12 e 13 anos que participaron nas probas de selección. A súa distribución por provincias é a seguinte: A Coruña (10), Lugo (2), Ourense (2), Pontevedra (11). O alumnado foi seleccionado polas súas aptitudes matemáticas avanzadas e asistiron durante dous anos ás actividades de proxecto adaptadas ao desenvolvemento do seu talento. O programa desenvolveuse na Facultade de Matemáticas, nas mañás dos sábados durante dous cursos académicos consecutivos (20 sábados cada curso) por un equipo docente de 41 profesores de matemáticas de recoñecida competencia e especialmente formados para este cometido. O curso iníciase cun campamento matemático e, ademais das clases, prográmanse xornadas virtuais e concursos matemáticos conxuntos con proxectos ESTALMAT doutras comunidades autónomas. A partir de agora os estudantes participarán no ESTALMAT PI-Galicia, que consta de 12 sesións máis. Nova convocatoria
Actualmente está aberto o prazo de inscrición na proba de selección da convocatoria 2013, que terá lugar o vindeiro día 8 de xuño, dirixida a todos os rapaces e rapazas nacidos en 2000 e 2001, que destaquen pola súa destreza e gusto polas matemáticas.