Ir o contido principal
STG

Entregados os XVI Premios á calidade lingüística

Os premiados e premiadas recibiron os diplomas acreditativos por correo postal nos seus respectivos domicilios. FOTO: Santi Alvite
Os premiados e premiadas recibiron os diplomas acreditativos por correo postal nos seus respectivos domicilios. FOTO: Santi Alvite
A concesión dos diplomas cos que se recoñece a demostración de habilidades comunicativas e competencia lingüística en galego desenvolveuse de xeito simbólico por mor das restricións sanitarias
Lugo, Santiago de Compostela

A concesión dos Premios á calidade lingüística cos que se pretende fomentar entre o alumnado, a cultura da calidade ligada ao uso do galego, tivo que desenvolverse, nesta décimo sexta edición, de xeito simbólico. Os premiados e premiadas recibiron os diplomas acreditativos por correo postal nos seus respectivos domicilios debido a que o tradicional acto institucional non puido celebrarse por mor das restricións sanitarias.

Traballos Fin de Grao

No eido das Artes e Humanidades, o xurado recoñeceu Vivamos como galegos: novos usos e significados de elementos lingüísticos tradicionais e innovación na linguaxe da publicidade e do comercio, de Elia Lago Pereira e titorizado por Xosé Luis Regueira Fernández. En Ciencias, foron recoñecidos ex aequo os traballos Estudo da universalidade leptónica en desintegracións de mesóns B, de Julio Novoa Fernández, pertencente ao Dobre Grao en Matemáticas e en Física; e Adaptacións ás alteracións da parede celular en Arabidopsis thaliana, de Kai Lois Baltrusch Montero, do Grao en Bioloxía. Estes traballos foron titorizados por Antonio Romero Vidal e Javier Sampedro Jiménez, respectivamente. Asemade, neste campo o xurado decidiu outorgar mencións para Deseño e preparación de metalaciclos de paladio, de Raquel Diz Gil, do Grao en Química e titorizado por José Manuel Vila Abad; Localización da expresión da somatostatina C no sistema nervioso central de larvas de lamprea mariña mediante hibridación in situ, de Raúl Cacheiro Vázquez, do Grao en Bioloxía e titorizado por Mª Celina Rodicio Rodicio; así como Efectos biolóxicos de novos materiais con potencial antitumoral, de Inés de González Arnejo, tamén do Grao en Bioloxía e titorizado por Fernando Domínguez Puente.

SARS-CoV-2: Unha nova emerxencia global de Miguel Dameá Palomares, pertecente ao Grao en Farmacia, foi o traballo recoñecido no eido das Ciencias da Saúde. O TFG desenvolveuse baixo a titoría de Mª Trinidad de Miguel Bouzas. Asemade, neste campo outorgáronse mencións a Edulcorantes en iogures. Beneficios do emprego do xilitol de Lucía Díaz Méndez, do Grao en Nutrición Humana e Dietética e titorizado por Ángel Cobos García; así como a Oligonucleótidos antisentido en enfermidades neurolóxicas de Sara Sóñora López, do Grao en Medicina. Este TFG foi titorizado por Miguel Gelabert González.

No eido das Ciencias Sociais e Xurídicas, premiáronse ex aequo os traballos O concepto de decrecemento aplicado a dúas iniciativas innovadoras na Mariña de Xoel Geada Geada, do Grao en Xeografía e Ordenación do Territorio e titorizado por Valerià Paül Carril; así como Que len as futuras mestras? Estudo sobre o perfil lector do alumnado do Grao en Mestre/a de Educación Primaria na USC de Clara Manrique Velayos, titorizado por María José Caamaño Rojo. O traballo Cine galego e cuestión nacional. A representación do rural e a construción mediante o filme do relato nacional, de Bruno Arias González, alumno do Grao en Comunicación Audiovisual, recibiu tamén unha mención neste campo. O alumno estivo titorizado por Mª Soliña Barreiro González. Finalmente, en Enxeñaría, Caracterización do monte do Souto (concello de Santiago de Compostela e Ames -A Coruña) para proposta de declaración como Espazo Natural de Interese Local (ENIL), de Yago Lestido Cardama, do Grao en Enxeñaría Forestal e titorizado por Emilio V. Carral Vilariño foi o traballo premiado ex aequo xunto a  Auditoría informática dos sistemas do Instituto da Lingua Galega de José Antonio Cutrín Garabal, do Grao en Enxeñaría Informática. Este traballo estivo titorizado por Xosé Luis Regueira Fernández e José Manuel Cotos Yáñez. Cada traballo premiado foi recoñecido con 300 euros e diploma acreditativo.

Traballos Fin de Máster

Na modalidade dirixida a recoñecer os TFM foi premiado Aproximación á calidade lingüística da prensa en galego: análise manual e automática e avaliación do sistema Avalingua de Marcos Mario Miguéns Martínez, do Mestrado Interuniversitario en Lingüística Aplicada. Este TFM, titorizado por Pablo Gamallo Otero, foi recoñecido no eido de Artes e Humanidades. Neste mesmo campo, o xurado decidiu tamén outorgar mencións para os traballos A pegada da catarse popular: Sueiro Gómez de Soutomaior nunha terra alzada en Irmandades de Roberto Fernández Gondar, pertencente ao Mestrado en Estudos Medievais e titorizado por Marta Cendón Fernández; así como Creadores de narración oral. Un manual de elaboración de contos a partir das fórmulas características da tradición galega de Iria Monteagudo Alonso, do Mestrado en Servizos Culturais e titorizado por M. Xesús Nogueira Pereira.

Métricas de Einstein en grupos de Lie lorentzianos de Tomás Otero Casal, do  Mestrado Universitario en Matemáticas e titorizado por Eduardo García Río, foi o traballo premiado en Ciencias. Pola súa parte, en Ciencias da Saúde, recoñeceuse a Papel de AMPK e do metabolismo nas células de glioblastoma de Sara González Silva, pertencente ao Mestrado en Investigación Biomédica e titorizado por Rosa Mª Señarís Rodríguez e José A. Costoya Puente.

Ex aequo, concedéronse os premios en Ciencias Sociais e Xurídicas a Propostas para o aproveitamento do ordenador na aula de matemáticas en 2º da ESO de Xabier Valle Regueiro, do Mestrado de Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas, titorizado por Mª Elena Vázquez Abal; así como Da escritura como mirada á mirada que escribe. A natureza como alento e sustento do sentido estético de Sara Plaza Moreno, do Mestrado en Dirección de Actividades Educativas na Natureza e titorizado por Salvador Cidrás Robles. Eco-feminismo: teorías e prácticas transformadoras na converxencia de dúas tradicións críticas de Almudena Fiunte Blanco, do Mestrado en Igualdade, Xénero e Educación; así como Resolución de problemas e xeometría: unha proposta didáctica de Carlos Franco Sanmartín, do Mestrado en Profesorado de  Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas, recibiron mencións nesta área de coñecemento. Estes TFM estiveron titorizados por Teresa Moure Pereiro e Belén Rodríguez Raposo, respectivamente.

Finalmente, en Enxeñaría, foi recoñecido o traballo Enfoque conxunto da avaliación de ciclo de vida e da análise envolvente de datos nos criterios de eco-eficiencia da produción acuícola en México de Cristina Cambeses Franco, pertencente ao Mestrado en Enxeñaría Química e Bioprocesos e titorizado por  Gumersindo Feijoo Costa e María Teresa Moreira Vilar. Cada galardón ascendeu a 500 euros máis o correspondente diploma.

Traballos académicos

Na modalidade dos traballos académicos de grao, concorreron nove propostas. Na Área de Ciencias da Saúde foron premiados ex-aequo os traballos Realidade virtual en medicina paliativa e xeriatría de Adrián Santiago López Caamaño, de cuarto curso do Grao en Medicina; e A farmacopea en Al-Andalus: O de Materia Médica de Dioscórides: traducións e influencias de Luís Melián Rodríguez, pertencente ao terceiro curso do Grao en Medicina

En Ciencias Sociais e Xurídicas, foi premiado O auxe dos populismos: unha análise dende os suxeitos que interveñen nas decisións do sector público de Andrés Vázquez García, alumno de primeiro curso do Grao en Dereito. Finalmente, Unha aproximación á paisaxe lingüística da vila de Porto do Son, de Rubén Ventoso Martínez, pertencente ao terceiro curso do Grao en Lingua e Literatura Galega foi o traballo recoñecido en Artes e Humanidades. Estes galardóns aspiran a promover nos estudantes o desenvolvemento dunha habilidade comunicativa como é a presentación axeitada dun traballo dende o punto de vista formal, o que abrangue aspectos lingüísticos, de estruturación da información, de redacción, de deseño, ou a coherencia, en lingua galega. Cada un dos gañadores/as recibiu 150 euros alén do correspondente diploma acreditativo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.05.2021.