Ir o contido principal
STG

Entréganse na USC os premios da olimpíada matemática galega

A entrega de premios da Olimpíada Matemática Galega 2011-12 terá lugar este mércores 18 ás 12.00 horas na Facultade de Matemáticas nun acto que presidirá o vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González García, e que contará coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Univeristaria, Xesús Vázquez; do reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luis Armesto; da decana da Facultade de Matemáticas, María Victoria Otero; e do profesor da USC e coordinador da Olimpíada, Felipe Gago. Na Olimpíada Matemática Galega, fase autonómica da española, concedéronse tres primeiros premios, tres segundos, tres terceiros e once mencións de honra. Os primeiros formaron o Equipo Olímpico Galego de Matemáticas, que acaba de competir na fase nacional celebrada en Santander e na que o galego Óscar Rivero Salgado, do IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia, se proclamou vencedor absoluto. Nese torneo Gozalo Cao Labora, do IES Eusebio da Guarda da Coruña, obtivo unha medalla de bronce. Óscar Rivero participará representando a España na 53 Olimpíada Matemática Internacional que se disputará en xullo en Arxentina así como na XXVII Olimpíada Iberoamericana de setembro en Bolivia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.04.2012.