Ir o contido principal
STG

Enxeñaría Ambiental, un máster con mención de excelencia

Investigadores no Laboratorio de Enxeñaría Ambiental da ETSE da USC
Investigadores no Laboratorio de Enxeñaría Ambiental da ETSE da USC
A distinción outorgada pola Xunta de Galicia ten unha vixencia de cinco anos e acredita o nivel académico e a solvencia científica e técnica da formación impartida na titulación
Santiago de Compostela

O máster en Enxeñaría Ambiental que imparte a USC na súa Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago de Compostela vén de converterse na primeira titulación da USC que acada a mención de excelencia outorgada pola Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia, que tamén distinguiu con este selo de calidade outros dous posgraos do Sistema Universitario Galego (SUG), como o son os másteres ofertados pola UDC en Bioloxía Molecular, Celular e Xenética e en Enxeñaría Informática.

A mención de excelencia expedida pola Xunta de Galicia antóllase como un distintivo pioneiro e singular no marco do Sistema Universitario Español que acredita o nivel académico do programa de estudos en cuestión, así como a solvencia científica e técnica do mesmo. Este selo de calidade, que ten vixencia por cinco cursos académicos, un período tralo que pode renovar esta distinción, implica tamén unha garantía da boa formación do alumnado que supera os programas con mención de excelencia.

O obxectivo do máster en Enxeñaría Ambiental da USC, un posgrao coordinado por Francisco Omil Prieto, é a formación de profesionais competentes que teñan como misión específica a prevención de danos ambientais, a protección do entorno e a mellora da calidade ambiental fronte a problemas derivados da xeración de residuos e de prácticas contaminantes e non sostibles. Este título acadou o selo de calidade logo de cumprir con éxito os parámetros establecidos nas bases reguladoras da primeira convocatoria realizada pola Xunta de Galicia para a concesión de mencións de excelencia a titulacións do Sistema Universitario de Galicia.

Daquela, a taxa de demanda de alumnado, o nivel de apoio ou colaboración de entidades públicas e privadas, o proceso de selección do estudantado e o seu grao de internacionalización, a calidade docente e os méritos curriculares e de investigación do profesorado, a formación práctica e innovadora, o nivel de satisfacción do alumnado e as posibilidades de emprendemento ou autoemprego que favorece o título foron algúns dos aspectos valorados pola comisión avaliadora para outorgar a mención de excelencia ao máster en Enxeñaría Ambiental da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.07.2020.