A Escola de Enfermaría de Lugo despide este venres aos 55 titulados da súa primeira promoción de graduados
A Escola Universitaria de Enfermaría do campus de Lugo despedirá este venres, día 7 de xuño, aos 55 novos titulados da primeira promoción de graduados/as egresados/as deste centro universitario no transcurso dun acto institucional que se desenvolverá, a partir das 17.30 horas, no auditorio ‘ Enrique Antonio González García’ da Facultade de Veterinaria.
O profesor da Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo Mario Rivas Carro actuará como padriño dos novos graduados no marco dunha cerimonia na que o xerente da área de xestión integrada Lugo, Cervo e Monforte e presidente do padroado da Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo, Antonio García Quintáns, ofrecerá o relatorio ‘Práctica asistencial legalmente segura’. A directora da Escola de Enfermaría, María Asunción Núñez Magdalena; a directora de Procesos Asistenciais de Enfermaría, María Jesús Pérez Taboada; a presidenta do Colexio de Enfermaría de Lugo, Lourdes Bermello, e o padriño da primeira promoción de graduados formados no centro, ademais dos representantes dos/as alumnos/as tamén intervirán neste acto de entrega de insignias e diplomas, que concluirá cunha breve actuación da Coral do Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo.