Ir o contido principal
STG

A Escola Politécnica Superior celebra a festividade de San Cidre coa I Mostra de Maquinaria Agrícola de Época

A exposición reúne diferentes pezas de máis de 50 anos de antiguidade

A Escola politécnica Superior do Campus de Lugo, en colaboración coa Asociación Galega de Amigos da Maquinaria Agrícola Clásica (AGAMAC), organiza este martes, día 15, a 1ª Mostra de Maquinaria Agrícola de Época. Con motivo da festividade de San Cidre, poderanse ver nas instalacións do centro tractores, colleitadoras, malladoras, apeiros agrícolas e motores estacionarios cun mínimo de cincuenta anos de antiguidade.
A inauguración oficial da mostra terá lugar ás 11:00 horas no Salón de actos do centro coa asistencia do vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre; o alcalde de Lugo, José López Orozco; o delegado provincial da Consellaría do Medio Rural da Xunta de Galicia, Emilio López Pérez; o presidente de AGAMAC, Marcos Vázquez Marey; e o director da EPS, Javier Bueno Lema. Previamente, e tras a apertura da mostra ás 10:00 horas haberá un desfile de tractores de época polas rúas Benigno Ledo e Pablo Iglesias, nas inmediacións da EPS.
Esta mostra ven acompañada ademais de varios relatorios relacionados coa maquinaria clásica. Deste xeito, ás 11:15 horas, no Salón de Actos do centro, o presidente de AGAMAC disertará sobre a situación europea da maquinaria agrícola clásica. Despois da súa intervención, será a quenda do coleccionista de maquinaria agrícola clásica, José Manuel Traseira Rois, quen falará sobre os motores estacionarios antigos e a súa utilización agrícola, seguido de Domingo Astariz Roca, da Asociación Lucense de Automóbiles Antigos e Clásicos, quen explicará a evolución da automoción clásica. O programa da mañá rematará co acendido de motores estacionarios na rúa Benigno Ledo e durante toda a xornada realizaranse demostracións de funcionamento das distintas máquinas presentes na mostra.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.05.2007.