Ir o contido principal
STG

A Escola Universitaria de Enfermaría aborda nunha xornada os cambios no modelo sanitario e as novas demandas dos doentes

Cartaz anunciador da xornada
Cartaz anunciador da xornada
García Herradón inaugura este mércores no HULA a décima novena edición dun foro de enfermaría, que comezará cun relatorio sobre a música como instrumento de coidado

A análise da actual realidade organizativa do sistema sanitario e das novas demandas recibidas dos pacientes de enfermaría centrarán este mércores, día 9 de abril, a temática dos distintos relatorios e táboas redondas programadas no marco da XIX Xornada de Enfermaría, un foro monográfico organizado pola Escola Universitaria de Enfermaría do campus lugués, en colaboración coa Xerencia de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte e o Colexio Oficial de Enfermaría.

A mellora da prestación de servizos e da capacidade de dar respostas ás necesidades do paciente, en particular, en da cidadanía, en xeral, constitúen a pretensión última desta xornada de reflexión e debate sobre a enfermaría, unha dimensión non menor do eido asistencial e sociosanitario en permanente evolución. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, presidirá este mércores, a partir das 10.00 horas, no salón de actos do Hospital Universitario Lucus Augusti, a inauguración oficial da xornada, na que se agarda a participación de máis de 350 asistentes, entre estudantes universitarios e profesionais do sector. O director xerente do HULA, Antonio García Quintáns; a directora de Procesos de Enfermaría da Área de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte, María Jesús Pérez Taboada; a presidenta do Colexio de Enfermaría de Lugo, Lourdes Bermello, e a directora da escola universitaria de Enfermaría do campus lugués, María Asunción Núñez Magdalena, tamén participarán no acto de apertura das xornadas. O profesor do Departamento de Enfermería e Fisioterapia da Universidade de Alcalá Crispín Gigante Pérez abrirá a quenda de intervencións cun relatorio que se desenvolverá baixo o título ‘A música como instrumento do coidado’. Na súa intervención, este relator achegará aos asistentes á linguaxe da música no coidado e explicará a súas influencias nos aspectos fisiolóxicos, espirituais, psicolóxicos, emocionais, sentimentais e incluso na propia conduta dos pacientes. Os cambios experimentados no perfil demográfico, a incidencia do progresivo envellecemento da poboación na xeneralización de enfermidades crónicas, a identificación deste tipo de pacientes e as claves para incrementar nestes casos a eficiencia da Enfermaría desde todos os niveis asistenciais, serán outras das cuestións abordadas no marco desta xornada. Asemade, nalgúns dos relatorios e táboas redondas programadas tamén se prestará especial atención á importancia da mellora da comunicación entre profesional e paciente ou ás posibles vantaxes que deparan as diversas fórmulas de teleasistencia e actuacións en domicilio baixo supervisión. As competencias que ten a enfermería escolar para o desenvolvemento de intervencións educativas e asistenciais de calidade no propio centro educativo e tamén como axente de innovación e de dinamización pedagóxica en saúde escolar centrará outro dos relatorios previstos nesta xornada, no marco da que tamén se presentarán distintas comunicacións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.04.2014.