A Escola Universitaria de Relacións Laborais premia co Javier Marañón á alumna Alba García
A Escola Universitaria de Relacións Laborais decidiu outorgarlle o Premio Javier Marañón na súa primeira edición á alumna Alba García Rodríguez en atención aos seus singulares méritos académicos e humanos que acreditan un “excepcional compromiso” coa Escola.
O Premio Javier Marañón creouse o pasado ano en homenaxe ao que fora o primeiro director do centro dende a súa integración na Universidade e como recoñecemento ao seu excepcional compromiso e á súa dedicación e profesionalidade exemplares. Así, preténdese recoñecer ao estudante ou estudantes da Escola que acrediten ao seu paso polo centro un comportamento académico e humano no que se reflictan os valores do profesor Javier Marañón, finado en agosto de 2005.
O xurado estivo presidido polo vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José M. Mayán Santos, e participaron como vogais o director da Escola de Relacións Laborais, Xavier Ferreira Fernández, Carlos Javier Álvarez Fernández, Eva Álvarez González, Darío Figueras Lamas e Patricia Salgado Peralvo. Marina Rodríguez Planes exerceu de secretaria.
Na concesión do premio o xurado valorou o expediente académico de Alba García, estudante de segundo curso de Relacións Laborais, e a súa concorrencia nos valores humanos e académicos que singularizaron a Marañón, en especial o seu grao de compromiso coa institución e o seu carácter solidario. A estudante coruñesa mantén unha actitude moi participativa no centro, formando parte da xunta de Escola e creando recentemente a asociación de estudantes do centro, que ela mesmo preside.