Ir o contido principal
STG

O escritor arxentino Néstor Ponce ofrece un recital poético na Facultade de Humanidades de Lugo

O tamén catedrático de Literatura Hispanoamericana na Universidade francesa de Alta Bretaña reunirase coa decana do centro para establecer liñas de traballo conxunto

O escritor arxentino Néstor Ponce (La Plata, 1955), recoñecido autor de novelas, ensaios e libros de poemas, recitará en Lugo textos da súa última obra lírica, Desapariencia no engaña, e outros inéditos que formarán parte do seu próximo libro. O acto terá lugar o martes 13 de novembro no Salón de Graos da Facultade de Humanidades de Lugo, ás 12.00 horas. Néstor Ponce, residente en Francia dende 1979, é catedrático de Literatura e Civilización Hispanoamericana na Universidade da Alta Bretaña (Rennes 2) e director do equipo de investigación ‘ Interlinguas: Memoria, Identidade, Territorios’, en cuxas actividades vén participando desde a súa formación o escritor e profesor da Facultade de Humanidades Claudio Rodríguez Fer, recentemente nomeado doutor Honoris Causa pola citada universidade bretoa, e que tamén intervirá no acto. Ademais da presentación da súa obra, a visita de Néstor Ponce ao campus de Lugo ten como obxectivo manter unha reunión coa decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey, e con outros profesores do centro, co fin de establecer entre a Universidade da Alta Bretaña e a USC importantes e diversos proxectos académicos de carácter interunivesitario e internacional. Entre as obras creativas de Néstor Ponce destacan os poemarios Sur (1982) e Desapariencia no engaña (2010) e as novelas El intérprete (1998), La bestia de las diagonales (1999), Hijos nuestros (2004), Perdidos por ahí (2004), Una vaca ya pronto serás (2006), Azote (2008) e Sous la pierre mouvante (2010). Entre as súas obras críticas, destacan Diagonales del Género (2001), Crimen, anthologie de la nouvelle noire et policière d'Amérique latine (2005), Le Mexique. Conflits, rêves et miroirs (2009) e Memorias y cicatrices. Estudios de literatura hispanoamericana contemporánea (2011).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.11.2012.