Ir o contido principal
STG

O escritor e profesor da USC Claudio Rodríguez Fer, nomeado doutor honoris causa pola Universidade de Alta Bretaña

Claudio Rodríguez Fer, profesor na Facultade de Humanidades de Lugo, é o primeiro escritor galego nomeado doutor honoris causa pola Universidade de Alta Bretaña
Claudio Rodríguez Fer, profesor na Facultade de Humanidades de Lugo, é o primeiro escritor galego nomeado doutor honoris causa pola Universidade de Alta Bretaña
O acto de investidura celebrarase o 28 de xuño na sede desta institución académica francesa en Rennes

O escritor e profesor da Facultade de Humanidades de Lugo Claudio Rodríguez Fer foi nomeado doutor honoris causa pola Universidade de Alta Bretaña en Rennes a proposta dos departamentos de Español e de Bretón desta institución académica francesa. Claudio Rodríguez foi profesor convidado de Literatura Española e Hispanoamericana na Universidade de Alta Bretaña en 1995, e desde entón regresou a Bretaña con frecuencia para impartir relatorios, participar en recitais poéticos e exercer como profesor visitante noutra das súas universidades, a de Bretaña Sur, en Lorient. A poesía do autor lucense, vertida a numerosas linguas, conta tamén con traducións ao francés, como no caso do seu libro Moito máis que mil anos. Froito das súas estancias nos países celtas son moitos dos seus poemas, recompilados recentemente na obra Amores e clamores; varios dos seus relatos, recollidos en Contos e descontos; e o seu libro de memorias Meus amores celtas. Ademais do seu labor docente na Facultade de Humanidades, dentro da USC Claudio Rodríguez dirixe a cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética e é tamén o codirector da revista de lingüística e literatura Moenia. A Universidade de Alta Bretaña concedeu o título de doutor honoris causa a outros escritores hispánicos, como o peruano Mario Vargas Llosa, o chileno Jorge Edwards ou o hispano-francés Jorge Semprún, pero Claudio Rodríguez Fer é o primeiro escritor en lingua galega que recibe esta distinción. O acto de investidura terá lugar en Rennes o próximo 28 de xuño.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.05.2012.