Ir o contido principal
STG

O escultor João Cutileiro inaugura na USC a exposición 'A visita de Proserpina'

O artista é nome de primeira fila na plástica escultórica actual de Portugal

En colaboración co Instituto Camões portugués, a Vicerreitoría de Cultura inaugura este mércores, día 25, no Colexio de Fonseca a exposición ‘A visita de Prosperina’ do escultor lisboeta João Cutileiro. A inauguración oficial da mostra, que permanecerá aberta ata o 20 de maio, terá lugar tamén este mércores ás 20:00 horas coa asistencia do propio artista, o vicerreitor de Cultura, Elías Torres, e o coordinador do Instituto Camões, Samuel Rego, ademais doutras personalidades.
A mostra presenta unha selección da obra do artista portugués que recolle unha gran variedade temática: árbores, flores, pero tamén as súas figuras bífidas, corpos femininos dotados dunha gran carga sexual que se encadran dentro da súa etapa máis experimental, que permitirán descubrir esa dialéctica entre o clasicismo e o modernismo e a súa aposta polo mármore como o material máis nobre para a escultura. Son un total de 30 pezas escultóricas feitas entre 1996-2006, das seguintes series da súa produción: ‘Proserpinas’, ‘Árvores’, ‘Piteiras’, ‘Flores’, ‘Homenagens a Mapplethorpe’, ‘Orquídeas’ e ‘Rosas’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.04.2007.