O Espazo de Danza impulsa a oitava edición da súa mostra de baile latino

A USC organiza por oitavo ano consecutivo a súa Mostra de Danza Latina. Este martes 6 de xuño, entre as 19.00 e as 21.00, a praza da Inmaculada sirve de escenario para amosar as actividades de bailes latinos do Espazo de Danza da USC da man dos grupos de baile dos niveis Intermedio e Avanzado, e baixo as ensinanzas do profesor Miguel D. Herrera.
O programa inclúe unha demostración de pasos básicos e libres de chachachá, merengue, bachata e salsa; de técnicas como 'Bailando A Cegas' (3 parellas), 'Pa' Fuera' (10 parellas), ou Roda Cubana (5 parellas); alén de coreografías de bachata 'Labirinto' (3 alumnas), ou de salsa 'Academia' (5 intérpretes), e animación de merengue, bachata, salsa e conga.
Juan Carlos Zahera, director do Espazo de Danza da USC, é o encargado de presentar este evento que busca tamén enriquecer o programa cultural da cidade e que está aberto tanto á comunidade universitaria como á cidadanía en xeral. A asistencia é libre e de balde.