Ir o contido principal
STG

O Espazo de Danza inicia a súa programación formativa do curso 21/22

A matrícula xa se pode formalizar e rematará cando se cubran todas prazas dispoñibles por rigorosa orde de inscrición. FOTO: Santi Alvite
A matrícula xa se pode formalizar e rematará cando se cubran todas prazas dispoñibles por rigorosa orde de inscrición. FOTO: Santi Alvite
Ademais de diversos cursos, para os que xa comezou o período de matrícula ata completar prazas por rigorosa orde de inscrición, o Espazo promove unha nova temporada das Compañías de Danza de Santiago e Lugo
Lugo, Santiago de Compostela

Danza contemporánea, tradicional galega, latina, danza creativa e ioga danza, ademais dun curso de pandeireta conforman a oferta formativa do Espazo de Danza para este curso 21/22 nos campus de Santiago e Lugo. A matrícula xa se pode formalizar e rematará cando se cubran todas prazas dispoñibles por rigorosa orde de inscrición. Os detalles de cada un dos cursos, así como toda a información sobre datas de celebración e distribución por campus está dispoñible na web do Espazo de Danza.

Ademais da programación formativa, o Espazo de Danza pon en marcha unha nova temporada das Compañías de Danza de Santiago e Lugo, cuxa finalidade é a creación e investigación arredor do movemento e a composición coreográfica no ámbito da danza contemporánea. Concretamente a partir do traballo do Curso II de Danza Contemporánea, a Compañía elaborará a súa produción escénica do curso 21/22 na que terá cabida o material traballado polo alumnado e a súa posta en común.

Será requisito para acceder a esta compañía participar no Curso II de Danza Contemporánea ou ter participado en edicións anteriores do curso. Ademais, e para membros da comunidade universitaria, o Espazo de Danza presta apoio á creación de grupos independentes de danza, para os que ofrece un programa de apoio, asesoría de creación e produción coreográfica, o servizo de préstamo e espazo de ensaio.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.09.2021.