O Espazo de Danza da USC abre a inscrición para as actividades deste curso no campus compostelán

O Espazo de Danza da USC propón para este curso académico un programa de formación e actividades, con recoñecemento de créditos, para o que xa está aberto o prazo. A oferta deste ano vai desde a danza contemporánea ata monográficos de danzaterapia e un espazo de integración pasando por un curso de ritmos latinos e outro de zouk brasileño. Ademais, a partir do 18 de outubro comezarán os traballos para a creación das novas coreografías da Compañía de Danza da USC dedicada á creación e investigación do movemento no ámbito da danza contemporánea. Os ensaios –os venres de 14:30 a 17:00 horas na Sala Multiusos do Estadio de Atletismo do Campus Vida– rematarán no mes de abril, cando a compañía comece a participar en saídas e festivais de danza así como no encontro que organiza o propio Espazo da USC e que este ano chega á súa décimo segunda edición. O Espazo de Danza ofrece así mesmo asesoría de creación e produción coreográfica, servizos de préstamos e lugares de ensaio a aqueles colectivos que estean interesados en poñer en marcha o seu propio proxecto coreográfico, co único requisito de pertencer á comunidade universitaria. Danza contemporánea O Curso II de Danza Contemporánea –de 90 horas– desenvolverase do 7 de outubro ao 31 de marzo da man de Xiana Vilas. Será os luns e mércores de 19:00 a 21:00 horas no Espazo Baleiro (baixos da Facultade de Filoloxía) do Campus Norte. O de iniciación (38 horas) impartirao Juan Carlos Zahera do 16 de outubro ao 18 de decembro, sendo as clases os luns e mércores de 14:30 a 16:30 horas na Sala Multiusos do Estadio de Atletismo no Campus Vida. Monográficos e bailes No apartado de cursos monográficos haberá un de danzaterapia (28 horas), impartido por Daniel Pregal do 17 de xaneiro ao 12 de abril e outro –que se presenta esta semana ao abeiro de CampUSCulturae-, Espazo Integra2, impartido por Miguel Gendre que pon en marcha unha iniciativa creativa para expresar a través do corpo unha nova forma de entender o mundo sen barreiras artificiais. A programación complétase cun curso de ritmos latinos (salsa, bachata, merengue, conga e roda cubana) impartido en tres niveis distintos polo profesor cubano Miguel D. Herrera e un de Zouk brasileiro a cargo de Miguel Quiroga