Ir o contido principal
STG

Especialistas internacionais en lingüística inglesa e de corpus participan en Santiago no 34 Congreso da Asociación Internacional ICAME

Especialistas internacionais en lingüística inglesa e de corpus participan en Santiago no 34 Congreso da Asociación Internacional ICAME
Especialistas internacionais en lingüística inglesa e de corpus participan en Santiago no 34 Congreso da Asociación Internacional ICAME

Por primeira vez na súa historia, o congreso da Asociación Internacional ICAME (International Computer Archive of Modern and Medieval English) ten lugar nunha universidade española, a de Santiago de Compostela. A 34 edición do congreso inaugurouse este mércores no Salón de Actos de Filoloxía nun acto ao que asistiron o reitor Juan Casares Long; o presidente de ICAME e reitor da Universidade de Giessen (Alemaña), Joybrato Mukherjee; e a presidenta do comité organizador de ICAME 34 e actual decana da Facultade de Filoloxía, María José López Couso. Participaron tamén na apertura os profesores Teresa Fanego e Ignacio Palacios, directores dos grupos de investigación da USC Variación, cambio lingüístico e gramaticalización e SPERTUS, responsables da organización de ICAME 34, que asistiron á primeira conferencia plenaria a cargo da profesora Jenny Cheshire titulada 'Multiethnolects and English corpus linguistics'. As sesións do encontro, que se prolongará ata o domingo, deron comezo con catro talleres dedicados a distintos aspectos da investigación en lingüística de corpus, coordinados polos profesores Karin Aijmer e Hilde Hasselgård ('Cross-linguistic studies at the interface between lexis and grammar'), Gisle Andersen, John Kirk e Susan Lee Nacey ('Compilation and annotation of spoken corpora'), Marcus Callies e Sandra Götz ('Learner corpora and their applications in language testing and assessment'), e Britta Mondorf e Javier Pérez Guerra ('Processing in corpora: Support strategies in language variation and change'). ICAME 34 congrega máis de 200 especialistas en lingüística inglesa e lingüística de corpus procedentes de 23 países e un total de 102 universidades. Como conferenciantes convidados participan os docentes Jenny Cheshire (Queen Mary, Universidade de Londres), Holger Diessel (Universidade de Jena), Marianne Hundt (Universidade de Zurich) e Ken Hyland (Universidade de Hong Kong). Interveñen así mesmo como relatores outros 200 académicos e especialistas de renome internacional. Este encontro de investigadores chega á USC despois de terse celebrado en universidades coma Bergen (1979), Amsterdam (1986), Toronto (1995), Sydney (2000), Ann Arbor (2005), Lancaster (2009) ou K.U. Lovaina (2012). ICAME

A Asociación Internacional ICAME fundouse en 1977 na Universidade de Oslo. Os seus obxectivos inclúen, entre outros, a recollida e difusión de información sobre os corpus e recursos computarizados existentes a nivel internacional no eido da lingüística inglesa, en calquera das súas vertentes teóricas e aplicadas. Neste sentido ICAME ocupa un lugar destacado polas súas actividades de divulgación e comunicación social da ciencia. Á fronte da asociación figura un comité executivo composto por un elenco internacional de lingüistas, entre os que se encontra a propia profesora López Couso.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.05.2013.