Ir o contido principal
STG

Especialistas de todo o mundo debaten en Santiago sobre a parodia literaria na Idade Media convidados pola Asociación Hispánica de Literatura Medieval

O Coloquio Internacional ‘Parodia e debate metaliterarios na Idade Media’ reunirá os días 7 e 8 de novembro na Facultade de Filoloxía unha trintena de especialistas internacionais para tratar aqueles textos nos que se burlan e critican a outros, de tópicos propios dun xénero literario ou nos que se debate sobre a actividade literaria, sexa como reflexión seria, como xogo ou con intensións satíricas. No encontro presentaranse tanto cuestións teóricas e metodolóxicas como análises de detalle de textos particulares das distintas áreas literarias da Europa medieval, sempre dende unha óptica interdisciplinar. Entre os conferenciantes deste terceiro encontro da recoñecida Asociación Hispánica de Literatura Medieval (AHLM) atópanse investigadores e investigadoras de fóra do ámbito universitario hispánico como Gérard Gouiran (Université Paul Valéry), Carlos Alvar (Université de Genève), Pietro Beltrami (Università di Pisa /OVI), Carmen Cardelle (Zürich Universität) ou Vicenç Beltran (Università degli Studi di Roma - La Sapienza), ademais de reputados especialistas en filoloxía da península ibérica. A inauguración oficial do congreso celebrarase este mércores 7, ás 10.00 horas no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía, para dar paso ao profesor Gérard Gouiran cunha intervención sobre os sirventeses dirixidos aos xograis. Na mesma xornada presentaranse as Actas do XIV Congreso da AHLM a cargo da editora e do presidente da AHLM. A realización deste Coloquio forma parte dunha actividade do Grupo GI-1350 Románicas e é froito, ademais, dos resultados de dous proxectos de investigación financiados, respectivamente, pola Xunta de Galicia (‘Os xéneros dialogados na lírica galego-portuguesa’) e polo Ministerio de Economía e Competitividade (‘El debate metaliterario en la lírica románica medieval’). Esta actividade está vinculada ao programa de doutoramento en Filoloxía Románica, que conta con Mención de Excelencia do Ministerio de Educación. A Asociación Hispánica de Literatura Medieval A Asociación Hispánica de Literatura Medieval é un dos máis prestixiosos grupos de medievalistas no ámbito europeo. Ocúpase fundamentalmente da investigación das letras medievais nas distintas linguas empregadas durante o Medievo na Península Ibérica promovendo, asemade, a difusión dos resultados máis innovadores na literatura medieval. Desde 1985 organiza un Congreso bienal de rango internacional, e desde 2008 un coloquio anual complementario sobre un asunto monográfico, que é o que se celebra esta semana en Santiago de Compostela. As súas Actas e o Boletín Bibliográfico que publican acadan unha elevada difusión no ámbito medieval, así como a Revista de Literatura Medieval, que está directamente relacionada coa Asociación e forma parte do primeiro bloque de revistas indexadas no ERIH. O grupo GI-1350 Románicas O GI-1350 Románicas destaca no ámbito das Humanidades por ser un grupo de referencia internacional na edición e estudo da lírica galego-portuguesa e das Cantigas de Santa María, entre outros campos, e pola súa actividade formativa en investigadores de alto nivel. Ten no seu haber ademais un número crecente de proxectos de investigación concedidos pola administración tanto galega como española e incluso europea. O grupo potenciou un programa de Terceiro Ciclo que conseguira a Mención de Calidade do MEC, e na actualidade sostén un programa de doutoramento en Filoloxía Románica con Mención de Excelencia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.11.2012.