Ir o contido principal
STG

A Estación de Hidrobioloxía ‘Encoro do Con’ participa nun proxecto internacional para a conservación dos peixes diádromos

Imaxe de arquivo da Estación de Hidrobioloxía 'Encoro do Con'
Imaxe de arquivo da Estación de Hidrobioloxía 'Encoro do Con'
Neste grupo atópanse a zamborca, a lamprea, a anguía, o salmón, a troita ou os esturións

Salmón, lamprea e anguía comparten en común o seu comportamento vital: son peixes que migran entre a auga doce e a salgada para alimentarse ou reproducirse. Ademais xeran importante beneficios ecolóxicos, económicos e culturais nas comunidades nas que viven. Ante as ameazas que representan para a súa supervivencia a actividade humana e o cambio climático, a Estación de Hidrobioloxía ‘ Encoro do Con’ da USC participa no proxecto europeo DiadEs que busca mellorar o estado de conservación destas especies e garantir o impacto positivo que teñen na economía e na natureza. DiadEs pretende ademais promover a cooperación transnacional e establecer criterios comúns de xestión para a conservación e explotación destas especies.

Os peixes que se moven entre augas fluviais e mariñas, xa sexa para reproducirse ou para alimentarse denomínanse diádromos, e entre eles atópanse a zamborca, a lamprea, a anguía, o salmón, a troita ou os esturións. Como explican os responsables do proxecto, ao longo do seu ciclo de vida, estes peixes brindan servizos ecosistémicos, “concepto utilizado para referirnos á cantidade de beneficios que os ecosistemas achegan ao ser humano: subministro de alimentos, servizos de regulación e apoio, como o ciclo de nutrientes, e servizos culturais como os beneficios recreativos ou outros non materiais”.

DiadEs ten como misión cuantificar e mellorar os servizos ecosistémicos proporcionados por estas especies na área atlántica, pero tamén estudar en que estado de conservación se atopan e cal é o impacto que o cambio climático pode chegar a ter na súa distribución. Como explican dende o proxecto “estes peixes ofrecen importantes beneficios ás comunidades locais, pero existen poucas estimacións cuantitativas deste impacto. Sabemos que está diminuíndo a súa distribución ao longo do Atlántico. Tomáronse medidas para reverter este escenario, pero a situación sigue sendo crítica”. Como aclara o equipo investigador “as medidas adoptáronse comunmente a escala local, en cada unha das concas fluviais de maneira independente a pesar de que a distribución das especies inclúe varios países e hábitats”. Neste senso, DiadEs “pretende contrarrestar as deficiencias deste enfoque a través dunha perspectiva global”.

A iniciativa está liderada pola entidade francesa Irstea e conta coa participación de 30 socios de distintos países europeos entre os que se atopa a USC, AZTI, a Deputación Foral de Gipuzkoa, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, a Asociación Galega de Sociedades de Pesca e a Xunta de Galicia. Cun orzamento total de 2,2 millóns de euros, a iniciativa está financiada polo programa Interreg Atlántico do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e prolongarase ata 2022.

Resultados do proxecto
A iniciativa parte dun enfoque innovador ao abordar a cuestión dende unha perspectiva global e multidisciplinar que incorpora persoal investigador do campo das ciencias naturais así como a economistas ambientais e unha rede de xestores na área atlántica. O proxecto producirá un atlas internacional interactivo que presentará a distribución actual dos peixes diádromos e os servizos ecosistémicos que proveen, así como unha previsión das tendencias baixo un escenario de cambio climático.

Tamén deseñarán un xogo formativo no que os actores relacionados coa xestión das especies diádromas adoptarán diferentes roles, ademais de permitir un diálogo colectivo para reflexionar e formular estratexias de xestión alternativas e creativas. En conxunto, as conclusión obtidas a través do atlas e dos resultados do xogo permitirán desenvolver un marco de directrices para o manexo a longo prazo dos peixes diádromos e o mantemento dos servizos dos ecosistemas que producen na área atlántica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.03.2021.