Ir o contido principal
STG

ESTALMAT-Galicia adapta o seu formato a actividades en liña

Facultade de Matemáticas
Facultade de Matemáticas
Este programa de estímulo do talento matemático para estudantes de 12 a 16 anos reanudou a súa actividade o pasado mes de outubro en base a ferramentas colaborativas que permiten clases interactivas síncronas

O programa de estímulo do talento matemático en estudantes de 12 a 16 anos Estalmat-Galicia continúa a súa actividade adaptado aos novos requirimentos derivados da COVID-19. Na actualidade este programa ofrece ao alumnado de 2º e 3º ano actividades en liña con ferramentas colaborativas que permiten clases interactivas síncronas. O calendario de actividades iniciouse o pasado 24 de outubro e rematará a finais de ano, logo de celebrar un total de seis sesións para os de segundo ano e dúas para os de terceiro.

Ata o de agora, foron impartidas xa as sesións ‘Investigación de operacións’, a cargo de Ignacio García Jurado e Julio González Díaz; ‘Demostracións visuais’, impartida por Pablo González e Victor Pollán); e ‘Modelización matemática e simulación numérica’, tema que trataron Andrés Prieto e Elena Vázquez Cendón. Salvadas as inevitables dificultades técnicas iniciais, a aceptación do alumnado e o éxito das actividades é moi destacable, segundo sinala o director deste programa, o catedrático de Matemática Aplicada e ex reitor, Juan Viaño.

Nos vindeiros sábados están programadas as sesións ‘Progamación en Matlab I e II’  (que impartirán Oscar López e Juan Viaño), ‘Xeometría con papel, como crear unha vacina con papiroflexia’ (Teresa Otero e M. Trinidad Pérez), ‘Rodas poligonais’ (Cristina Montero e Covadonga Rodríguez-Moldes) e ‘Pasatempos matemáticos e de lóxica’ (Teresa Cao - Carlos Vaquero). O Comité Organizador traballa neste momento, na reprogramación das actividades para o ano 2021, que coas incertezas da evolución da pandemia, debe contemplar necesariamente novas actividades en liña que o cadro docente está xa preparando e se anunciará oportunamente, como sinala Juan Viaño. Tamén se anunciarán as decisións sobre a proba de selección pendente da promoción 2020.

Interrupción

A situación de crise sanitaria motivada pola COVID-19 interrompeu o calendario habitual de actividades que Estalmat desenvolve na Facultade de Matemáticas todos os sábados para os 75 estudantes que anualmente o seguen. Esta é unha iniciativa que conta co aval científico da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.11.2020.