Estalmat-Galicia despide a súa sexta promoción

A sexta promoción do proxecto ESTALMAT-Galicia para ESTímulo do TALento MATemático celebra este sábado 10 o seu acto de despedida na Aula Magna da Facultade de Matemáticas a partir das 12.30 horas. A sesión presidiraa Juan Casares Long e contará coa presenza da decana da Facultade de Matemáticas, Maria Victoria Otero Espinar; do presidente de ESTALMAT-Galicia e reitor electo da USC, Juan Viaño Rey; do deputado provincial da Coruña, Manuel Costa Carneiro; do coordinador académico do Proxecto, Victor Pollán, e de membros do equipo docente. No acto intervirán as autoridades presentes e unha representación do alumnado e dos seus pais e nais que farán unha semblanza dos dous anos pasados en ESTALMAT-Galicia. O acto rematará coa entrega de diplomas e imposición de becas. Previamente, a partir das 10.30 horas, o grupo de estudantes realizará a última actividade do curso, unha visita ao supercomputador ‘Finisterrae’ do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), guiada polo seu director, Javier García Tobío, e asistido polos membros do seu equipo Pablo Rey e Fernando Bouzas. Os 25 estudantes que agora rematan esta etapa constitúen a sexta promoción de ESTALMAT-Galicia, seleccionados en 2012 dun total de 358 rapaces e rapazas de 12 e 13 anos que participaron nas probas de selección. A súa distribución por provincias é a seguinte: A Coruña (10), Lugo (4), Pontevedra (11). Seleccionados polas súas aptitudes matemáticas avanzadas, os/as integrantes da promoción asistiron durante dous anos ás actividades de proxecto adaptadas ao desenvolvemento do seu talento. Estas actividades impártense na Facultade de Matemáticas, nas mañás dos sábados durante dous cursos académicos consecutivos (20 sábados cada curso) por un equipo docente de 41 profesores de matemáticas de recoñecida competencia e especialmente formados para este cometido. O curso iníciase cun campamento matemático e, ademais das clases, prográmanse xornadas virtuais e concursos matemáticos conxuntos con proxectos ESTALMAT doutras comunidades autónomas. A partir de agora, este grupo participará en ESTALMAT PI-Galicia, que consta de doce sesións máis. Convocatoria 2014 Actualmente está aberto o prazo de inscrición na proba de selección da convocatoria 2014, que terá lugar o vindeiro día 7 de xuño, dirixida a todos os rapaces e rapazas nacidos en 2001 e 2002, que destaquen pola súa destreza e gusto polas matemáticas.