Ir o contido principal
STG

Estalmat-Galicia entrega este sábado as súas insignias de honra

Estalmat-Galicia entrega este sábado as súas insignias de honra
Estalmat-Galicia entrega este sábado as súas insignias de honra
O acto terá lugar a partir das 13.15 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas
Santiago de Compostela

O proxecto Estalmat-Galicia celebra este sábado, a partir das 13.15 horas, na Aula Magna da Facultade de Matemáticas da USC, o acto de entrega das insignias de honra do proxecto Estalmat-Galicia a distintas persoas que teñan contribuído de xeito relevante ao seu éxito dende a súa posta en marcha hai doce anos. A vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da Universidade de Santiago de Compostela, Mar Lorenzo Moledo, presidirá o acto que tamén contará coa presenza da conselleira de Educación, Universidades e Formación Profesional, Carmen Pomar Tojo; a decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón; e o director nacional de Estalmat-España, Amable Liñán; os cales recibirán a insignia de ouro do proxecto. O presidente de Estalmat-Galicia, Juan Viaño, será o encargado de conducir o acto da entrega.

Dende o ano 2007, o proxecto Estalmat-Galicia ten como obxectivo a captación e estímulo do talento matemático en estudantes galegos de entre 12 e 16 anos. Anualmente son seleccionados 25 estudantes que permanecen no proxecto durante 3 anos. Ao redor de 4000 alumnos teñen realizado a proba de selección, dos cales, 325 participaron nas actividades ofertadas coa colaboración de setenta profesores/as do ensino medio e universitario en máis de 600 sesións impartidas cada sábado na Facultade de Matemáticas.

Galardóns

Unha reunión de traballo que servirá para fomentar o intercambio de experiencias e cuxo programa pode consultarse nesta ligazón servirá de preámbulo á entrega dos galardóns. En primeiro lugar, recibirán as insignias os profesores promotores de Estalmat-Galicia e responsables da súa posta en marcha no curso 2007-08: Jesús Calvo Rovira, Mercedes Feijoo Díaz, María Jesús Pasarín Vázquez, Enrique de la Torre Fernández, Juan Manuel Viaño Rey, Victor Pollán Fernández, Covadonga Rodríguez-Moldes Rey e Marina Germiñas Miguéns.

A continuación, serán homenaxeados dezasete integrantes históricos do equipo docente, que levan dez anos ou máis impartindo actividades en Estalmat-Galicia: Gaspar Manuel Antelo Bernárdez, José María Barja Pérez, Pedro Pablo Campo Díaz, Sandra María Díaz Mouro, José Ángel Docobo Durántez, Teresa Fernández Blanco, Felipe Gago Couso, Ignacio García Jurado, Manuel Ladra González, Alicia Pedreira Mengotti, Rosana Rodríguez López, Julio Rodríguez Taboada, María Jesús Salinas Portugal, Gonzalo Temperán Becerra, Teresa Otero Suárez, María Elena Vázquez Abal e Ricardo Cao Abad.

A colaboración con Estalmat-Galicia por parte do Centro de Supercomputación de Galicia desde o curso 2008-09 será recoñecida coa Insignia de Honra a todo o persoal do CESGA personificado no seu director, Mauro Fernández da Bouza, e, individualmente, a Fernando Bouzas Sierra e ao anterior director, Javier García Tobío.

Estalmat-Galicia recoñece tamén coa súa insignia de Honra a colaboración e dedicación do persoal de administración e servizos da USC nas figuras de Ana María Paz Torres, Manuel Porto Canosa, María del Carmen Fernández Villamiel, Albina Blanco Castro, Carmen Trillo Sendón, Victoria Vidal Ferro, Manuel Seijas Rivas, Persoal da cafetería de Matemáticas e Santiago Alvite Fidalgo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.12.2019.