Estudan o fenómeno Big Data aplicado ao sector enerxético
A Aula Magna da Facultade de Matemáticas acolle este venres 18 unha xornada que pretende explorar o fenómeno Big Data no sector da enerxía. A xuntanza pretende detectar as necesidades das empresas do ámbito enerxético en relación ao tratamento e análise de grandes bases de datos á vez que dará a coñecer as metodoloxías da estatística e a investigación operativa que poden ser de utilidade para solucionar problemas asociados ao fenómeno Big Data. O encontro inaugurarase ás 9.30 horas nun acto que presidirá o reitor Juan Viñao e no que participarán ademais a decana da facultade anfitrioa, Victoria Otero Espinar; o vicepresidente do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI), Ricardo Cao Abad; e o presidente do comité científico do encontro, o profesor da USC Wenceslao González Manteiga. Nas distintas sesións que se desenvolverán ao longo do día participarán as empresas EcoMT, EDF– Recherche et Développement, EQUS, NERXUS Quality Solutions, Fridama, Reganosa, Repsol e Hewlett-Packard Entreprise; centros especializados en supercomputación e tecnoloxías da información como CESGA e CiTIUS; e investigadores con ampla experiencia na aplicación de métodos estatísticos e investigación operativa ás problemáticas propias do contexto enerxético. A xornada está organizada polas tres universidades galegas, o ITMATI e o Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (CESGA).